Alumnado e profesorado do CRA Boqueixón-Vedra Neira Vilas posa na RAG co presidente da institución, Xesús Alonso Montero, e demais participantes na presentación da colección dos Bolechas sobre as Letras Galegas. Autor: RAG
Os escolares abriron o acto recitando o poema "A fala" de Eduardo Pondal, o protagonista do primeiro libro da colección e autor da letra do Himno, que entoaron tamén no peche da presentación desde as cadeiras dos académicos de número. Xunto aos pequenos, os Bolechas e o presidente da RAG, tamén tomaron a palabra Antonio Couto Rego, editor de edicións Bolanda, o selo que publica os libros dos Bolechas desde 2012; José Manuel López Marcos, director de mercadotecnia de Caixa Rural Galega, patrocinadora da serie; e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, que tamén apoia esta iniciativa. O acto contou así mesmo coa presenza de Xosé María Varela en representación da Fundación Eduardo Pondal.
O creador da familia Bolechas, Pepe Carreiro, converte en cada volume unha da obras do autor homenaxeado nun entretido conto no que os lectores van descubrindo quen é o persoeiro ao tempo que gozan dunha das aventuras típicas de Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa. Cada relato complétase cunha breve biografía e un repaso ás principais obras da figura que protagoniza o libro.
No primeiro volume da serie, Eduardo Pondal narra a descuberta de América a través dos seus versos d'Os Eoas. Algúns dos termos máis complexos da obra son explicados ao final a xeito de sinxelo dicionario para permitir unha maior comprensión. Os seguintes números estarán dedicados a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ánxel Fole e Manuel María. "É un privilexio que, xogando e pasándoo ben, poidades aprender a vida de Rosalía de Castro, de Manuel María ou de Curros Enríquez, empezando pola de Pondal", explicou o presidente da Academia ao público cativo, que aplaudiu a decisión de iniciar a colección co libro dedicado a Pondal, xa que nun mes e medio comezará o ano do centenario do seu pasamento. Xesús Alonso Montero tamén tivo palabras de recordo para Xosé Neira Vilas, o escritor e académico que lle dá nome ao colexio convidado, falecido o 27 de novembro de 2015.
Alonso Montero concluíu a súa intervención lembrándolles aos pequenos visitantes que a RAG é "a casa da palabra" e que sempre poderán recorrer a ela para resolver as súas dúbidas lingüísticas: "Comprométome a respondelas persoalmente. Este colexio de Boqueixón-Vedra quedará sempre no meu corazón".
Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse en todo un fenómeno. Con máis de 550 títulos publicados e máis de 1.500.000 exemplares distribuídos, gozan de gran popularidade entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa. O seu éxito contribuíu a que toda unha xeración de galegas e galegos se achegase á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida, salientou o editor Antonio Couto Rego, que asegurou que hoxe é "un día feliz" porque se fai realidade un proxecto "longamente anhelado".
José Manuel López Marcos salientou que co apoio de Caixa Rural Galega a esta colección a entidade financeira pretende contribuír á divulgación da nosa lingua e da nosa cultura, "o reflexo dun pobo" e o mellor xeiro "de preservar" a nosa identidade.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística recordoulles aos escolares que na RAG se decide quen é cada ano a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas e destacou que Os Bolechas teñen "unha identificación moi especial", o feito de falaren sempre galego, e animounos a seguir o seu exemplo.