O académico Francisco Fernández Rei na inauguración da exposición.
Detalle do manuscrito D'A man de Santiña (1918), conservado na RAG, reproducido na mostra.
Detalle do mecanoscrito d'O Mariscal (1923), conservado na RAG, que se reproduce na exposición.
Con A man de Santiña inaugurouse na Coruña o 22 de abril do 1919 o Conservatorio Nacional da Arte Galega creado polas Irmandades da Fala. A peza rompía coa tradición ruralista no teatro, situando no escenario personaxes de clase alta galegofalantes. Entre outro material, na exposición móstranse páxinas do manuscrito orixinal do 7 de decembro do 1918, propiedade da Real Academia Galega; e do legado da familia Cabanillas, pode verse prensa da época o día despois da estrea, con valoración en xeral positiva da obra, e tamén unha carta manuscrita asinada por Ramón e Antón Villar Ponte, o irmandiño Luís Peña Novo, o director e intérprete da peza, Fernando Osorio, e a actriz no papel de Santiña, Carmen Meléndez. Os asinantes dinlle a Cabanillas que é «perciso absolutamente perciso, compretamente necesario» que veña á Coruña o martes 22 para asistir á estrea da súa obra, pois é «desexo unánime de toda a xente da ‘Irmandade’», á vez que lle indican: «Non te esquenzas d’animar a Castelao pra que compareza tamén».
N’O Mariscal os autores non dramatizan os feitos históricos, senón que contribúen á fabricación do mito a partir da lenda de Pardo de Cela, a quen, despois da súa decapitación na praza da catedral de Mondoñedo, o pobo converteuno nun mártir pola resistencia de Galicia contra o poder de Castela a finais da Idade Media. Expóñense páxinas do mecanoscrito do 1923, propiedade da Real Academia Galega, que Cabanillas lle dedicou a Enrique Peinador Lines. A obra editouse no 1926, e o ano da segunda edición no 1929, estreouse en Vigo a ópera O Mariscal, con libreto de Cabanillas, música de Eduardo Rodríguez-Losada e decorados de Camilo Díaz Baliño. Na exposición pode verse un vídeo con parte dos actores-cantores nunhas fotografías de Samaniego, propiedade da Real Academia Galega de Belas Artes.
Son moitas as mostras expostas sobre a recepción desta obra, desde Blanco Amor (1927) a Manuel Lourenzo e Francisco Pillado (1979), Francisco Rodríguez (1988), Carlos L. Bernárdez e Manuel F. Vieites (1996), Dolores Vilavedra (2000), Millán Otero (2000) e Iolanda Ogando (2004). Emilio Xosé Ínsua sostiña no 2005 que O Mariscal «representa en boa medida o summum da proposta teatral das Irmandades da Fala, por canto apunta á máis alta das cualidades estéticas acompañándoa dunha nítida mensaxe galeguista». Xosé Luís Méndez Ferrín, no limiar da edición facsimilar do mecanoscrito do 1923 da RAG publicado no 2010 pola Fundación Mondariz Balneario, salientaba que se trata dunha obra «arrebatadora, elocuente, magnífica. Existen nela parlamentos dignos de memorización. Arrebata o ritmo e paira sobre o espectador a sombra terríbel dun final que todos coñecen, igual ca na traxedia grega. O pobo sabe que nos acontecementos que se desenvolven na escena se representa un episodio real, e non mítico, da Historia de Galicia, que ocasionou a súa humillación e a súa dependencia».
A obra nunca se representou, agás como teatro de marionetas. Con dirección de Marcelino de Santiago “Kukas”, estreouna o Centro Dramático Galego en Cambados o 15 de outubro do 1994 no salón de actos do IES Francisco Asorey e, posteriormente, representouse en cidades e vilas galegas. A montaxe desatou certa polémica polos arranxos e supresións textuais da obra, pola extrema sinxeleza escenográfica e pola sensación de frialdade dos diálogos con voces pregravadas.
Na exposición tamén se atende a obras dramáticas menos coñecidas de Cabanillas como A ofrenda das fadas no portal de Belén. Retablo de Nadal, estreada en Cambados o 9 de xaneiro do 1944. Nesta obriña o autor retoma a vella tradición da visita dos pastores e recréaa á luz da tradición celta, pois son as fadas -e non os reis de Oriente- os que se achegan ata o portal para lle ofrecer novos presentes a Xesús. Poden verse, entre outro material, páxinas do manuscrito a lapis doado recentemente ao Arquivo do Museo Cabanillas por Alfonso Rubio Vidal.
Outras obras son A Virxe do Cristal (1924), libreto para ópera que se cría perdido ata que o editaron Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín Rei no 2002; os textos parateatrais Romance do cristiano e do mouro na Franqueira (1949) e mais o Diálogo do mouro i o cristiano (1974), dúas partes dun único corpo dramático; e Macías o Namorado (1956), poema escénico en coautoría con Antonio de Lorenzo e música de Isidro B. Maiztegui, onde a contribución de Cabanillas, en palabras de Ricardo Carvalho Calero, se reduce a algúns dos versos que cantan o coro ou os personaxes nalgunhas escenas.
O símbolo da exposición, tirado da cuberta da primeira edición d’O Mariscal, é o debuxo da mariscala, a cadea de ferro forxado coa que, segundo a tradición, prenderon a Pardo de Cela, e que se conserva no Museo Provincial de Lugo. A cadea cingue a cruz de Santiago, símbolo de toda Galicia.
A mostra poderá verse ata finais de 2026, cadrandoco centenario da publicación d'O Mariscal.





