O tapiz do salón de actos da Academia e o precursor da declaración dos dereitos humanos

O salón de actos da Real Academia Galega acolle boa parte das principais actividades da institución. Cada un deses acontecementos está presidido dende hai tempo polo mesmo tapiz. Anos que son só un suspiro se temos en conta que foi tecido hai máis de catro séculos. O responsable da colección da RAG aborda neste artigo a historia dunha peza artística que narra, sen necesidade de palabras, a liberación do pobo xudeu por parte de Ciro II, precursor da declaración dos dereitos humanos hai máis de dous mil cincocentos anos.

Tapiz do salón de actos da Real Academia Galega. Fonte: RAG


O tapiz que preside o salón de actos da Academia pertenceu á escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, cuxa casa da rúa Tabernas 11 acubilla desde finais dos anos 70 a sede da RAG e a casa-museo dedicada á autora. Non sabemos a cronoloxía exacta da peza, pero pensamos que puido ser tecida a finais do século XVI ou principios do XVII. Tampouco coñecemos en que taller foi elaborada, pero por semellanzas formais e técnicas con outros tapices podemos afirmar que moi posiblemente se fabricou en Flandres. Outro dato descoñecido é o xeito en que chegou ata as mans da condesa de Pardo Bazán. Foi herdado ou mercado polos seus devanceiros ou por ela mesma? Dado a rareza e o valor da peza, decantámonos por isto último. O prestixio da autora e os anos que viviu en Madrid, en contacto con persoeiros da alta burguesía e da aristocracia da corte, como o seu íntimo amigo o financeiro e afamado coleccionista de arte José Lázaro de Galdiano, fai máis probábel que fose ela mesma quen a adquirise.

Sobre o tema que ilustra esta obra de arte si que hai certeza. Nos seus máis de seis metros cadrados de superficie narra un episodio da vida de Ciro II o Grande, soberano iniciador da dinastía Aqueménida de Persia, que lle deu nome ao imperio que fundou e gobernou desde o 559 a.C.ata a súa morte no 530 a.C.. Baixo o seu mandato, o imperio abrangueu inicialmente todos os estados do Oriente Próximo (Media, Lidia e Babilonia) e ampliouno conquistando a maior parte de Asia suroccidental e gran parte de Asia Central e do Cáucaso. Desde o mar Mediterráneo e o Helesponto no oeste ata o río Indo no leste, Ciro II creou o maior imperio que nunca existira no mundo ata ese momento.

Ciro II, ademais de ser un xenio militar que conquistou gran parte do mundo coñecido, pasou á historia como exemplo de bo gobernante. Se por algo se diferenciou dos seus antecesores, foi pola súa política de concesións cara aos pobos sometidos, aos que non se lles esixía máis que tributo, recrutamento e aceptación dunha gornición permanente. Rexeitou, pois, a deportación masiva practicada polos seus antecesores asirios e babilonios, e ocasionalmente polos seus sucesores persas. Con el o movemento foi á inversa: ás comunidades deportadas, como a xudía, permitíuselles regresar á súa terra.

A boa prensa de Ciro II chega ata os nosos días. Para algúns investigadores contemporáneos, a lexislación do seu réxime contén uns valores humanísticos ata o momento descoñecidos no mundo antigo. Este compendio de leis plasmouse por escrito nunha peza de arxila atopada a finais do XIX, coñecida como o Cilindro de Ciro. Nel o novo rei lexitima as súas conquistas e toma medidas políticas para gañar o favor dos seus novos súbditos, como a tolerancia relixiosa ou a abolición da escravitude. Shirin Ebadi, avogada e activista premio Nobel da Paz en 2003, mesmo definiu este documento como a primeira declaración dos dereitos humanos. O Cilindro de Ciro foi traducido a todos os idiomas oficiais da ONU en 1971.


Cilindro de Ciro. Fonte: Museo Británico


A liberación do pobo xudeu
A escena que vemos no tapiz da RAG ilustra a liberación do pobo xudeu por parte dun Ciro triunfante tras a conquista de Babilonia no ano 539 a.C., quedando está convertida nunha satrapía. Deste xeito finalizaba a chamada Catividade de Babilonia, unha época da historia do reino hebreo de Xudá que durou setenta anos nos que o pobo hebreo estivo sometido a Babilonia, ata que a chegada de Ciro II lle devolveu a liberdade. Podemos observar en primeiro termo a Ciro sentado baixo un dosel. Tocado cunha tiara e suxeitando o cetro, contempla os xudeus axeonllados agradecéndolle a devolución dos vasos sagrados do Templo de Salomón, roubados por Nabucodonosor tras a conquista de Xerusalén. Unha personaxe barbada en pé, á dereita do trono, sostén unha tea ou pergameo.

Noutros tapices que representan a escena con máis detalle aparece a inscrición HEC, que fai referencia a unha cita célebre de Ciro no Antigo Testamento. Referímonos ás liñas do Libro 45 de Isaías que din así: Haec dicit dominus christo meo Ciro… ( Así fala o Señor acerca do seu unxido Ciro…). Con estas palabras os deseñadores pretenderon demostrar que Ciro II contaba co apoio da divindade, por boca do profeta Isaías. Deste xeito, cristianizábase unha escena protagonizada por pagáns, facéndoa máis comprensible para un público educado esencialmente no catolicismo máis excluínte e integrista en plena Contrarreforma, tras o Concilio de Trento.

Como xa dixemos, non temos constancia de fontes que nos proporcionen información sobre o tapiz de Emilia Pardo Bazán, pero existen algunhas que nos poden dar pistas. A día de hoxe consérvanse dúas colgaduras da historia de Ciro II encargadas polos Austrias dentro das coleccións de Patrimonio Nacional, coñecidas como Ciro el Grande e Ciro el Chico. A primeira está composta por dez tapices manufacturados en Bruxelas. Os cartóns desta primeira serie atribúense ao pintor Michiel Coxcie e están datados a mediados do século XVI. Pénsase que a partir deles un pintor descoñecido e de menos talento deseñou uns novos cartóns que serviron para tecer outra colgadura. Esta segunda colgadura, Ciro el Chico, chamada así polo seu menor tamaño, está composta por seis panos. Non se identificou o taller onde se teceron, pero sábese que se manufacturaron en Amberes, a finais do século XVII, en seda e la, mentres que nos tapices de Ciro el Grande se empregaron fíos de prata e ouro.

Transmisores de mensaxes ideolóxicas
Os tapices non so cumprían funcións prácticas como tornar o frío ou decorar grandes espazos baleiros, tamén eran un soporte onde plasmar unha mensaxe ideolóxica. Sen lugar a dúbidas, cando os Austrias encargaron os devanditos tapices pretenderon identificarse coa figura de bo, eficiente e xusto gobernante que encarnaba desde séculos Ciro o Grande.

O que segue a ser un misterio é a razón pola cal Emilia Pardo Bazán adquiriu un tapiz desta temática. Quizais tivese algo que ver a súa ideoloxía monárquica, xa que ela defendía un absolutismo altamente xerarquizado e centralizado, máis entendía que a cúspide dese sistema debía ser ocupada por unha persoa que contara con un bo número de virtudes: debía ser xusto, magnánimo, bo xestor… En resumo, debía ser un Ciro. Pero isto é pura especulación, quizais sinxelamente a condesa tivo a oportunidade de adquirir estas valiosas pezas e non o dubidou, sen que haxa haxa ningunha outra segunda lectura que facer.