O Simposio Florencio Delgado Gurriarán afonda en novembro no autor das Letras Galegas 2022

A Real Academia Galega celebrará as tardes dos xoves 3 e 10 de novembro o Simposio Florencio Delgado Gurriarán, un encontro que afondará en distintos aspectos da lingua, a literatura e o activismo político e cultural do protagonista do Día das Letras Galega 2022, figura destacada do exilio galeguista en México e poeta da terra e da lingua de Valdeorras. A cita será tamén o escenario da presentación do libro Co anceio de volver. Conversas con Florencio Delgado e Celia Teijeiro, unha edición da RAG ao coidado do biógrafo do homenaxeado, Ricardo Gurriarán, e rematará cunha actuación musical de Samuel Diz (guitarra clásica) e Belén Vaquero (soprano) dedicada á canción galega en México no exilio de 1939. A entrada é libre e todas as intervencións poderán seguirse tamén en directo dende academia.gal.

O académico Xesús Alonso Montero abrirá o programa do 3 de novembro coa poesía sociolingüística do autor valdeorrés e doutros poetas do seu tempo. Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, moderará unha mesa redonda que contará coas contribucións do académico correspondente Ramón Nicolás, que presentará dúas incursións na epistolografía de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), centradas na súa correspondencia con Rodolfo Prada e Ramón Otero Pedrayo; a directora do proxecto As Letras de Florencio, unha ollada á voz do poeta dende Valdeorras; a filóloga Concepción Álvarez Pousa, que profundará nas fontes léxicas na lírica do autor ao que a RAG lle dedicou o pasado 17 de maio; e o catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, que se centrará nas traducións de Delgado Gurriarán ao galego de poetas como Walt Whitman ou Paul Valéry.

A tarde do 3 de novembro concluirá coa presentación do volume que reúne a conversa que Delgado Gurriarán mantivo en 1979 coa antropóloga catalá establecida en México Dolors Pla (1954-2014) para o arquivo da historia oral do exilio español no país que os acolleu a ambos, nunha versión traducida ao galego e editada para a ocasión; e mais a entrevista que o propio Ricardo Gurriarán lle fixo á dona do homenaxeado, Celia Teijeiro,  en 1998. 

Ricardo Gurriarán participará tamén no simposio das Letras Galegas 2022 o xoves 10 de novembro, abrindo o programa do día cun relatorio sobre a biografía de Delgado Gurriarán (17:00 horas). A mesa redonda da tarde, moderada polo director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, reunirá o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza, que abordará a etapa vital da guerra civil e do primeiro exilio do autor; a historiadora Pilar Cagiao, que falará do México ao que chegou Florencio no ano 1939; e Samuel Diz, que tenderá pontes entre Delgado Gurriarán e o violinista ferrolán Xesús Dopico, o primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México, que chegou tamén á outra beira do Atlántico á bordo do Ipanema.
 
Tras o coloquio, Samuel Diz na guitarra clásica, acompañado da voz de Belén Vaquero, pechará o simposio cunha actuación musical que incluirá composicións do lugués Xesús Bal y Gay e de María Teresa Prieto, Rodolfo Halffter e Gustavo Durán –tamén exiliados en México– para poemas galegos.