O Seminario de Sociolingüística presenta 'Modo galego, actívao!' en foros de educadores e lingüistas

O Seminario de Sociolingüística participou nas últimas semanas en novos encontros de especialistas en educación e lingüística coa presentación de Modo galego, actívao!, o proxecto de investigación-acción en dinamización lingüística entre o alumnado de Ames que desenvolve en colaboración con este concello da área periurbana de Santiago de Compostela. A iniciativa expúxose nas VII Xornadas Educación e Linguas, celebradas na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela; e mais no IV Simposio Internacional de Aspectos Lingüísticos do Noroeste Ibérico, na Facultade de Filoloxía da mesma institución.

1/4

O psicólogo social Xaquín Loredo e o antropólogo Gabino S. Vázquez-Grandío, técnicos do Seminario de Sociolingüística, presentaron o pasado venres SIALNI IV un avance da avaliación dos primeiros resultados de Modo galego, actívao! O proxecto procura fundamentalmente o fomento do uso oral do galego entre os nenos e nenas do concello e unha mellora das súas actitudes cara ao galego, así como a avaliación dos instrumentos e a mellora dos modelos de xestión lingüística que implican as novas xeracións dentro e fóra das aulas, nos propios centros educativos e nas distintas actividades ofertadas a nivel municipal. Os resultados da avaliación confirman os efectos positivos do programa no uso do galego e especialmente sobre as actitudes lingüísticas.

Gabino S. Vázquez-Grandío levou tamén o proxecto ás Xornadas Educación e linguas, que se desenvolveron na semana do Día Europeo das Linguas. Neste encontro, coordinado pola académica de número e profesora da USC María López Sández, expuxéronse distintas experiencias de normalización lingüística no ámbito escolar. Entre elas, Pilar Ponte, impulsora de 21 días co galego, compartiu reflexións sobre esta proposta, adaptada en Modo galego, actívao! 

Valentina Formoso Gosende, tamén colaboradora do Seminario de Sociolingüística, reflexionou neste último encontro sobre os desafíos e estratexias da normalización; Nel Vidal Barral compartiu prácticas desenvolvidas co alumnado do CPI O Cruce de Cerceda; e Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reigía expuxeron a súa experiencia dende o IES Rafael Dieste da Coruña á fronte de Aquí tamén se fala galego. Luís López Alonso, investigador da Universidade de Vigo, presentou unha proposta de "(des)normalización" lingüística baseada na sociolingüística crítica.