O Seminario de Sociolingüística participa no congreso de Antropólogos Iberoamericanos en Rede

O membro do equipo de traballo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega Gabino Vázquez Grandío participou este mércores no congreso da asociación Antropólogos Iberoamericanos en Rede cunha comunicación sobre os discursos e as actitudes cara ás linguas no sistema educativo de Galicia. O relatorio baseouse nunha análise a partir dun traballo de campo etnográfico desenvolvido en dous centros escolares de Lugo, nun colexio privado urbano e noutro público do rural. A incorporación da ollada antropolóxica complementa as achegas sobre a situación da lingua dende a sociolingüística e permite afondar, mediante unha análise cualitativa, en cuestións como a diferenza entre as actitudes explícitas dos falantes cara ao galego e as inconscientes, explica Gabino Vázquez.

Gabino Vázquez Grandío, primeiro pola esquerda, no panel sobre escola, lingua, exclusión, diversidade e interculturalidade


Antropólogos Iberoamericanos en Rede é a maior asociación de antropoloxía do ámbito iberoamericano. O seu sexto congreso, baixo o título Humanidades en emerxencia: saúde e reconstrución social, desenvólvese telematicamente do 28 ao 31 de xullo e acolle a presentación de case medio milleiro de comunicacións de especialistas de todo o mundo.

Gabino Vázquez Grandío interveu no panel Escola, lingua, exclusión, diversidade e interculturalidade, que tamén modera. O antropólogo incidiu nas achegas potenciais da súa disciplina ao campo da sociolingüística galega, un terreo no que se están a realizar as primeiras contribucións dende este eido, enriquecendo as análises grazas á abordaxe interdisciplinaria."A situación da lingua galega no sistema educativo traballouse tradicionalmente primeiro dende a pedagoxía e a psicoloxía, e despois comezou a se abordar dende a sociolingüística, que ata hai ben pouco foi a perspectiva hexemónica. Dende hai uns anos, cada vez se lle dá máis importancia á análise cualitativa, que permite acceder doutra maneira a cuestións como as actitudes. A antropoloxía non vén substituír nada, senón complementar. Aínda que cada disciplina implique un xeito diferente de mirar a realidade, é fácil poñelas en común", expresa.

O proxecto sobre as actitudes lingüísticas na mocidade galega que desenvolve o Seminario de Sociolingüística incorpora ese enfoque interdisciplinario e profunda, entre outros, no traballo de campo desenvolvido dende a etnografía por Vázquez Grandío en dous centros educativos da provincia de Lugo no ano 2018. Na análise realizada, o antropólogo constatou –de acordo con outras investigacións previas– que as actitudes explícitas cara ao galego e os galegofalantes, as expresadas aberta e conscientemente, adoitan ser máis positivas ca no pasado; pero tamén que esta mellora non parece reflectirse na mesma medida nas actitudes implícitas, as que se activan inconscientemente. "Isto pode relacionarse coa penetración do discurso da normalización no terreo da corrección política. A xente sabe que é axeitado expresar que se sente involucrada coa lingua galega, pero na práctica persisten os prexuízos", conclúe.