Martín Vázquez durante a súa intervención no XIII Congreso de Lingüística Xeral
"A educación non formal é un campo complexo de prácticas lingüísticas onde se mesturan as escollas individuais dos profesionais -unhas veces mediadas por unha conciencia pedagóxica e outras directamente ligadas á súa práctica diaria- coas políticas lingüísticas explícitas de empresa, vinculadas ás ordenanzas municipais e ao compromiso coa lingua galega das propias organizacións", resume Martín Vázquez Fernández, colaborador do Seminario de Sociolingüística da Academia. O investigador da Universidade de Vigo ofreceu o pasado venres no marco do XIII Congreso de Lingüística Xeral, celebrado na institución á que pertence, algúns resultados preliminares desta investigación, que se leva a cabo dentro do proxecto Prácticas lingüísticas na infancia, que a Real Academia Galega desenvolve co apoio da Deputación da Coruña.
O interese desta parte do proxecto radica en observar as dinámicas sociolingüísticas da infancia na educación non formal, nun contexto global caracterizado pola caída da transmisión interxeracional da lingua galega e un crecente monolingüismo entre as persoas máis novas. Como obxecto de estudo tomouse a comarca de Santiago, formada polos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra e expoñente dun dos procesos de revitalización lingüística do idioma galego existentes no eido urbano e periurbano galego.
Os obxectivos, detalla Martín Vázquez, pasan por obter información sobre as prácticas lingüísticas nos programas de educación non formal tanto entre o persoal como os cativos e cativas; analizar as actitudes e características sociolingüísticas dos traballadores e traballadoras, e mais o papel das linguas no seu labor profesional; e determinar a influencia dos diferentes niveis da política lingüística sobre estas actividades. As entrevistas en profundidade a distintos profesionais implicados nesta oferta educativa e un grupo de discusión con monitores son algunhas das fontes informativas empregadas no estudo.