O antropólogo do Seminario Gabino Vázquez-Grandío interveu na mesa titulada A emerxencia lingüística: que podemos facer dende a antropoloxía? O técnico da RAG moderou a sesión na que interviñeron a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Gabriela Prego, especialista en etnografía sociolingüística crítica e educación lingüística crítica; e a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias, estudosa das actitudes lingüísticas e a política lingüística familiar.
Agantro recoñece que ata o momento a atención da antropoloxía galega ás relacións entre a lingua e a cultura foi limitada e manifesta o seu interese en contribuír en maior medida neste campo, explorando “as relacións de poder entre as ideoloxías tras as prácticas lingüísticas ou afondando na comprensión dos procesos de creba e mantemento da transmisión lingüística interxeracional mediante o estudo da socialización lingüística”, suxire a asociación, que celebra esta cita no Instituto da Lingua Galega.
En combinación coas metodoloxías participativas, a antropoloxía “abre a porta ao desenvolvemento de accións de apoderamento dos falantes tradicionais e ao xurdimento de novos perfís mediante programas de activación das competencias lingüísticas e, en xeral, á dinamización lingüística na sociedade”, engade.
Nesta liña está precisamente a afondar nos últimos anos o Seminario de Sociolingüística da RAG a través do proxecto de investigación-acción Modo galego, actívao! Esta experiencia, posta en marcha en colaboración co Concello de Ames, é un dos proxectos distinguidos na última edición dos Premios Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, que se entregan este sábado en Pontevedra.