Na actualidade o río Monelos circula practicamente soterrado en todo o seu curso, parte del percorrendo a antiga aldea de Monelos da que toma o seu nome, xa documentada na época medieval. “No testamento do que era crego da igrexa de Santo Tomás da Pescaría do ano 1399 aparece mencionado un bacelar de Monelos. Esta aldea estaba dividida en diferentes partes xa na Idade Media, onde documentamos un Monelos de Cima e un Monelos de Baixo”, detalla o especialista.
Tamén se documenta na Idade Media O Martinete, un dos poucos lugares onde o río non foi canalizado. Martinete, topónimo que apunta á existencia dun batán na zona, era tamén o nome que adoptaba o río ao seu paso por esta zona. “A denominación de río de Monelos é unha simplificación relativamente recente, pois até hai unhas décadas era un dos moitos curso fluviais que hai en Galicia que ía cambiando de denominación. Así, pasaba de chamarse río de Mesoiro a río do Martinete, e seguía con outras denominacións, como río da Cabana e río da Ponte da Pedra, atravesaba a aldea de Monelos e morría no mar como río da Ponte Gaiteira ou río da Gaiteira”, detalla Iván Méndez.
O Seminario de Onomástica responde é unha produción da Real Academia Galega realizada coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua. Monelos é unha nova achega coruñesa á serie tras outros episodios dedicados ao Papagaio, o Orzán e o propio topónimo da Coruña.