A tradución asinada por quen foi un dos membros fundadores das Irmandades da Fala, a primeira dun texto cervantino ao galego, é dun framento do capítulo XI da primeira parte d'O Quixote, correspondente ao coñecido como o discurso da Idade de Ouro, título que Antón Valcárcel traduciu como "O sigalo d'ouro". O texto escollido narra como o protagonista da novela pronuncia ante uns cabreiros, que o escoitan "embobados", unha diatriba contra o momento histórico que lle tocou vivir, "ista nosa idade de ferro", que contrapón á Idade de Ouro da mitoloxía grega, na que "non se misturara a fraude, o engano nin a mala voluntade ca verdade", traduciu Valcárcel. O texto foi publicado no sexto número d'A Nosa Terra, en febreiro de 1917.
Xa nos anos 70 do século pasado, Juan Beceiro Amado levou a cabo a primeira tradución íntegra ao galego d'O Quixote. A Real Academia Galega conserva unha copia do manuscrito, doado polo seu fillo. Nesta ligazón pode descargar a primeira páxina da novela vertida ao galego polo xeneral.
Pero a primeira edición completa da obra máis universal de Cervantes en se publicar é froito dun traballo colectivo, dirixido por Valentín Arias e no que participou un equipo de tradutores composto por el mesmo, Xela Arias, María Xesús Senín, María Xosefa S. Fernández, Xosé Antón Palacio e Xavier Senín. A obra saíu do prelo nunha coidada edición con ilustracións de Laxeiro, Abelenda, Lodeiro, Conde Corbal, Manuel Torres, Sucasas, Alfonso Costa, Moldes, Correa Corredoira, C. Beiro, Antón Lamazares, Virxilio, A. Datas e Leopoldo Nóvoa. A Biblioteca da Real Academia Galega custodia un dos exemplares desta edición príncipe, que tamén pode verse na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.
Nestoutra ligazón pode descargarse o comezo d'O Quixote da primeira edición da tradución dirixida por Valentín Arias.
Manuscrito da tradución ao galego d'O Quixote de Juan Beceiro