O presidente da Xunta de Galicia visita a Real Academia Galega

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, recibiu este mediodía na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. A primeira visita do titular do Goberno galego á RAG produciuse nas vésperas do traslado da institución ás instalacións temporais do polígono de Pocomaco. Durante aproximadamente dous anos, a Real Academia Galega instalarase neste polígono coruñés, con todas as garantías de seguridade para os seus fondos, mentres se realizan as obras que financia o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. O Goberno galego asumirá os custos das mudanzas, seguridade, instalación e traslados, tal e como recolle o protocolo de colaboración que asinaron hoxe Víctor F. Freixanes e Alfonso Rueda. Ambas as institucións crearán unha comisión de seguimento do protocolo, que estende a súa vixencia ata 31 de decembro do ano 2024, data na que se espera que estean finalizadas as obras.

1/6

“Dende o primeiro momento a Real Academia Galega tivo claro que non se movería da cidade da Coruña no tempo que duren as obras de rehabilitación da súa sede”, explicou o presidente Víctor Fernández Freixanes tras a sinatura do protocolo. “A Coruña está vencellada á Academia dende as orixes en 1905. Agradecemos moito ao presidente da Xunta de Galicia e ao seu goberno este compromiso de colaboración, que permitirá á RAG dar un paso cualitativo moi importante na súa operatividade e servizos”.

O titular do executivo autonómico gabou o labor da RAG, que “coida e impulsa a nosa lingua, a nosa identidade e a nosa fala”, e confirmou que o Goberno galego asumirá os gastos derivados do traslado provisional ao polígono de Pocomaco, “un compromiso que asume a Xunta de Galicia para que a Academia siga funcionando con normalidade, coas incomodidades que poidan supoñer as obras a cambio dos beneficios que reportará”.

Alfonso Rueda, foi recibido ás portas da Real Academia Galega polo presidente Víctor F. Freixanes e pola tesoureira da RAG, Fina Casalderrey; a arquiveira bibliotecaria, Marilar Aleixandre; e o vicesecretario, Henrique Monteagudo, membros da comisión executiva da Academia. Na visita tamén participaron, acompañando o presidente da Xunta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López.

O presidente da Xunta de Galicia asinou no libro de honra da Real Academia Galega e posteriormente visitou as instalacións da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a biblioteca e mais o arquivo da RAG.

A actividade continúa
Está previsto que as obras de rehabilitación da sede da Real Academia Galega comecen a principios do ano 2023, momento no que a institución xa estará instalada no polígono de Pocomaco. Durante os dous anos que se prevé que duren as obras, manterá a súa actividade tirando o máximo proveito dos recursos telemáticos, que son dende hai tempo unha ferramenta fundamental para atender as solicitudes de investigadores e investigadoras de todo o mundo interesados nos fondos que custodia, que fan dela unha referencia fundamental para calquera estudoso da cultura e da lingua galegas.

Canto ás actividades que esixan un espazo físico alén do dispoñible en Pocomaco, como as reunións do pleno da RAG ou simposios e outras celebracións abertas ao público, a Academia contará coa colaboración do Concello da Coruña, que lle cederá espazos da súa titularidade. Dáselle así continuidade e recoñecemento á significación histórica do concello coruñés na vida da Academia, que durante moitos anos, ata o seu traslado á sede actual da rúa Tabernas, desenvolveu a súa actividade no pazo consistorial de María Pita.