O presidente da Real Academia Galega reúnese co titular da Xunta de Galicia

O presidente da Real Academia Galega mantivo hoxe a súa primeira xuntanza oficial co presidente da Xunta de Galicia. Henrique Monteagudo foi recibido por Alfonso Rueda en San Caetano, nun encontro no que, entre outras cuestións, se falou sobre a marcha dos traballos de revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e as conversas de cara a un novo pacto pola lingua. O responsable da Academia agradeceu o recibimento de Rueda e destacou ao termo do encontro o ton cordial no que se desenvolveu e o interese manifestado polo titular do Goberno ante as propostas da RAG.

Un momento do encontro en San Caetano. Fonte: Xunta de Galicia

Alfonso Rueda recibiu na sede do Goberno autonómico a nova comisión executiva da RAG, na que acompañan a Henrique Monteagudo a secretaria, Ana Boullón; a tesoureira, María López Sández; a arquiveira-bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino; e o vicesecretario, Lourenzo Fernández Prieto. Na entrevista tamén participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

A situación do galego e as perspectivas políticas dun pacto pola lingua foi un dos temas centrais da xuntanza, na que a Academia ofreceu a súa colaboración de cara a acadar un marco de consenso que permita frear a perda de galegofalantes e responder a demanda social ao respecto. Os membros da comisión executiva manifestaron nese sentido o seu desexo que os labores dos equipos de traballo para a renovación do Plan Xeral de Normalización Lingüística permitan avanzar nese camiño e interesáronse ademais pola postura do Goberno galego en relación coa promoción e o uso da lingua nas institucións europeas, así como no Congreso dos Deputados e noutras institucións do Estado.

Henrique Monteagudo tamén informou a Alfonso Rueda sobre os principais proxectos nos que a Academia está a traballar e outros que espera impulsar proximamente. Informou nesta liña o presidente da Xunta sobre a marcha das obras de rehabilitación da sede da Academia, agradeceulle o reforzo orzamentario facilitado para asumir o custo das súas instalacións temporais e solicitoulle que o manteña no tempo, tanto para que a RAG poida facer fronte ao custo da mudanza de retorno ao número 11 da rúa Tabernas da Coruña como para avanzar en iniciativas que fornecen a sociedade de recursos fundamentais para o estudo, a divulgación e a promoción do galego.

Como exemplo do servizo público que a Academia presta, referiuse á revisión do Nomenclátor de Galicia, que a RAG lle entregará en breve ao Goberno autonómico; ou o Dicionario castelán-galego, a Gramática da lingua galega  ou Dicionario de apelidos, que a entidade agarda ofrecer na Rede na primeira metade do mandato da nova presidencia.

A comisión executiva da RAG continuará nos vindeiros días a rolda de entrevistas institucionais cos voceiros dos grupos parlamentarios.