Víctor F. Freixanes tomará a palabra no foro titulado Lenguas y culturas, un patrimonio común del Estado español, que terá lugar o martes 28 de marzo (16:30 horas) no marco do congreso organizado pola Real Academia Española (RAE), a Asociación de Academias de la Lengua Española (ASALE), o Instituto Cervantes, o Ministerio de Asuntos Exteriores e o Ayuntamiento de Cádiz. Compartirá foro coa presidenta do Institut d’Estudis Catalans, Teresa Cabré; o secretario de Euskaltzaindia, Adolfo Arejita, e o director da RAE, Santiago Muñoz Machado. A sesión poderá seguirse en directo dende a páxina web do congreso.
O presidente da RAG afondará na súa intervención no espírito da declaración institucional que a propia Real Academia Galega, Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans fixeron pública en 2021 arredor do debate público sobre a presenza das linguas cooficiais no sistema educativo. As tres institucións salientan en dito documento que a diversidade lingüística é unha riqueza que cómpre preservar e avogan polo respecto mutuo e a convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español. “Éuscaro, catalán, castelán e galego forman parte da pluralidade cultural e institucional que nos define, e a pluralidade nunca pode ser un problema. Debemos considerala unha riqueza da cal todos nos sintamos orgullosos”, reitera Víctor F. Freixanes.
O responsable da RAG asistirá este mediodía á apertura do congreso, que contará coa presenza dos reis de España no Gran Teatro Falla. Durante a súa estadía na capital gaditana, acudirá tamén, entre outros encontros, á inauguración da exposición do Consello da Cultura Galega Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas, séculos XVI-XVII na Universidad de Cádiz, que será presentada hoxe ás 10:00 horas pola súa presidenta, a académica Rosario Álvarez, que participa tamén no congreso.
O programa conta ademais coa participación do académico correspondente Luciano Rodríguez, que protagonizará xunto aos directores do Instituto Cervantes, Luis García Montero; do Ramon Llull, Pere Almeda; e do Etxepare, Irene Larraza Aizpurua, un tributo á diversidade lingüística.