O Premio Trasalba enxalza a voz poética de Luz Pozo Garza

A Fundación Otero Pedrayo entregou o pasado sábado o Premio Trasalba a Luz Pozo Garza. A poeta e académica recibiuno agasallando o público co recordo da entrevista que lle fixera ao escritor ourensán hai 50 anos na casa que lle dá nome ao galardón, onde se desenvolveu a celebración. Luz Pozo Garza enxalzou a figura do "patriarca das letras galegas" e recordou a amizade que os uniu, reflectida no seu poemario Códice Calixtino. Nestas páxinas a autora publicou "Consagración de Trasalba", un dos poemas de maior beleza dedicados á ausencia de Otero Pedrayo. Así o sinalou o xurado, que salientou a sensibilidade da obra de Luz Pozo Garza, "autora profundamente vencellada á memoria e á tradición oteriana".

Luz Pozo Garza intervén na entrega do Premio Trasalba. Fonte: Fundación Otero Pedrayo


Luz Pozo Garza
volveu a Trasalba para recoller o premio da Fundación Otero Pedrayo, un novo recoñecemento á traxectoria de quen, a piques de cumprir 97 anos, segue a ser unha das grandes voces de referencia da poesía galega contemporánea. O xurado salientou o amor, a preocupación existencial, a liberdade da patria e a morte, que se entrelazan "construíndo obras de sublime autenticidade e madureza". A última ata o momento é Pazo de Tor, unha viaxe ás súas raíces familiares á que tamén se referiu no seu discurso.

A poeta María do Cebreiro foi a encargada de ler a loanza da homenaxeada, "a voz máis poderosa da poesía galega do momento", engadiu o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco. Entre os agasallos, ademais da tradicional figura en bronce de Ramón Otero Pedrayo, deseñada por Manuel Buciños, a Fundación editou un "libro dos amigos", cunha fotobiografía e textos de homenaxe.

Vídeo do Premio Trasalba 2019


Luz Pozo posa co galardón acompañada dos seus fillos Mónica e Gonzalo, o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. Autor: Luis Baño / F. Otero Pedrayo

 


Luz Pozo con María do Cebreiro. Fonte: RAG