O Portal das Palabras comparte a súa experiencia no encontro de Hitzargiak

O Portal das Palabras presentouse como exemplo de boa práctica ante representantes de linguas minorizadas de toda Europa no Encontro Hitzargiak, celebrado en Hernani (Guipúscoa). A iniciativa para a modernización da difusión do léxico galego posta en marcha pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié foi unha das experiencias de éxito destacadas nesta cita, na que o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, representou a institución.
Mesa redonda sobre o papel das Academias
Sagrario Aleman, Henrique Monteagudo, António Bárbolo e Erramun Osa na mesa redonda sobre o papel das Academias. Autor: Danel Solabarrieta (cortesía de Hitzargiak)


O proxecto Hitzargiak, impulsado polo Soziolinguistika Klusterra e San Sebastián 2016, concibiuse co propósito potenciar e crear novas relacións entre as comunidades de idiomas minorizados e de falantes inmersos en procesos de revitalización. Con este obxectivo, o encontro celebrado os pasados 23 e 24 de xuño en Hernani, baixo o lema Linguas que se iluminan mutuamente, xuntou expertos e entidades representativas de máis de vinte e cinco linguas europeas e serviu de escaparate de boas prácticas na procura de efectos multiplicadores. Unha das iniciativas tomadas como exemplo a seguir é o Portal das Palabras, que acaba de iniciar unha nova etapa na que pretende precisamente facilitar a transferencia a outras idiomas das tecnoloxías e metodoloxías desenvolvidas para a web do portal, o Dicionario e as súas aplicacións móbiles.

Henrique Monteagudo expuxo a experiencia do Portal das Palabras e os seus novos retos nunha mesa redonda sobre o papel das academias no caso das linguas minoritarias. Na sesión, dinamizada por Erramun Osa, de Euskaltzaindia, tamén participaron Sagrario Aleman, da mesma institución vasca, e António Bárbolo, que falou do caso do mirandés. Aínda que cada un se referiu á situación do seu idioma, os tres coincidiron en que o papel das Academias non debe cinguirse só a fixar as regras de cada lingua, senón que tamén é preciso traballar a sensibilización a prol dos seus respectivos idiomas.

No encontro tamén se presentaron os proxectos galegos APEGO, Escolas de Ensino Galego Semente e o Modelo Burela. Na web de Hitzargiak figuran ademais outras iniciativas galegas como Agasallo, Cantalingua, Club de debate, Clube da Lingua, Como cho digo, o documental A memoria da lingua, Gústame o galego, e Tíralle da lingua.