O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, intervén na inauguración da exposición no Museo de Pontevedra.
Pontevedra é a cuarta parada da mostra, que xa pasou pola Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, salientou na inauguración a posición avanzada das Irmandades na Galicia do momento e recordou que en 1916, cando se fundaron, o propio Manuel Murguía non falaba galego na Academia. "As Irmandades, conscientes das deficiencias, promoveron actitudes coas que, nalgúns aspectos, se avanzou na utilización do idioma", expresou Alonso Montero para referirse deseguido á necesidade actual de continuar a traballar nunha defensa activa da nosa fala desde todos os estamentos para resolver "os aspectos non solucionados" en materia de actitudes lingüísticas.
No acto de presentación da mostra estiveron representadas as catro institucións que colaboran nesta ocasión. Xunto a Alonso Montero, pola banda do Museo do Pobo Galego interveu o presidente da súa xunta reitora, Xosé Manuel González Reboredo; pola Deputación da Coruña, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín; e pola Deputación de Pontevedra, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Saúde e Terra, irmá(n)s! fai un percorrido pola traxectoria do movemento iniciado, en maio de 1916 na Coruña, polos irmáns Villar Ponte para estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos e que, posteriormente, se foi espallando por toda Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Foi esta unha referencia especialmente salientada en todas as intervencións públicas. Xosé Leal aproveitou ademais para destacar a figura de Castelao, persoeiro que desde a Deputación de Pontevedra e desde o Museo se está a homenaxear neste ano. "Castelao, a partir da súa chegada a Pontevedra no 1916 e do seu ingreso nas Irmandades, adquiriu un compromiso ideolóxico e cultural que foi determinante para a Galiza do momento e tamén para a actual" asegurou.
Goretti Sanmartín congratulouse da chegada da exposición a Pontevedra, "a cidade de Bóveda e Castelao, na que se desenvolveu politicamente o proxecto deseñado polas Irmandades e onde naceu o Partido Galeguista, motor do nacionalismo organizado e da nosa historia contemporánea". A vicepresidenta da Deputación da Coruña fixo fincapé na urxencia de "rescatar" a memoria das Irmandades, e, en especial, das mulleres que tomaron parte do movemento mais cun papel aínda non recoñecido.
Pola súa banda, o presidente da xunta reitora do Museo do Pobo Galego, Xosé Manuel González Reboredo, salientou que a exposición "transmite mensaxes grandes a través de pequenos obxectos", como as lentes de Vicente Risco ou o violín de Quiroga, pero "cun profundo sentido simbólico", e animou o público a visitala "co espírito de ver nas pequenas cousas grandes feitos" como os levados a cabo polas Irmandades da Fala.
Dez espazos temáticos
Saúde e Terra, irmá(n)s! relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.
A través destes dez espazos, o público pode coñecer a orixe do movemento e á súa evolución, desde a acción centrada en primeiro lugar na normalización do idioma até a intervención política e os seus principais protagonistas (os irmáns Vilar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco…); o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal; o intento de conformación dun teatro galego que superase o ruralismo e a aposta polos coros como xeito de chegar ás masas; o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey; o cultivo das ciencias sociais e experimentais ao servizo de Galicia, que callou arredor da creación do Seminario de Estudos Galegos, a creación das Escolas do Insiño Galego ou a importancia que lles concederon aos medios de comunicación as Irmandades, que se dotaron do seu propio voceiro, A Nosa Terra, e promoveron a reaparición d'O Tío Marcos d'A Portela, entre outras cabeceiras editadas en Galicia e na diáspora.
Saúde e Terra, irmá(n)s! dá ademais visibilidade á participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola "igualdade absoluta, política e civil da muller e do home". Esta declaración dunha asemblea de irmáns e irmás reflicte o compromiso político do movemento nuns tempos nos que o voto feminino aínda tardaría anos en chegar. As mulleres loitan na Irmandade Feminina, creada na Coruña en 1918, participan no teatro, aparecen nas palestras dos mitins e algunhas colaboran n'A Nosa Terra. Con dirixentes como Amparo López Jean, Micaela Chao, Elvira Bao ou María Miramontes, empezaron sendo un medio cento, pero na década dos anos 30 a cifra foi en aumento até chegaren a ser o 10% da militancia do Partido Galeguista.