Francisco de Zúñiga, conde de Monterrei, convertera a vila raiota nun verdadeiro centro de difusión da cultura no cambio de século. Nela desenvolvían a súa actividade como impresores, ademais de Rodríguez de la Passera e Xoán de Porras, Juan Gherling, de orixe alemá e chegado á vila con posterioridade á data de edición do incunable ourensán.
O Missale Auriense consta de 280 páxinas a dúas columnas de 32 liñas cada unha, impresas en tipografía gótica. O libro está dividido en cinco partes. En “Calendario e bendicións” relaciónanse os mártires romanos, os santos da Igrexa visigótica e aqueles santos de especial devoción na diocese ourensá, ademais dos ritos da bendición da auga e do matrimonio. Sorprende a omisión de san Rosendo, patrón de Celanova, canonizado xa no século XII. A seguir vén o “Dominical”, que detalla o culto dos domingos e santos de todo o ano, ademais do ritual do bautismo. No “Ordinario da misa” expóñense as oracións que han ser cantadas na misa e que contan, ademais, con cadansúa notación musical, aspecto no que o incunable ourensán adiantou o resto dos misais impresos na península. O “Santoral” é o misal das festas dos santos e do Nadal e, por último, o “Común dos Santos e Misas Votivas” inclúe misas aos anxos, á Trindade ou á Virxe, ademais das dedicadas a ocasións particulares, como as guerras, as pragas e pestes dos cultivos, ou para suplicar o “don das lágrimas”.
O misal remata co seguinte colofón: "Esta obra das Misas, o libro Misal de todo o ano, tanto dos domingos coma dos Santos, sae á luz para loanza e gloria de Deus e da súa nai a Virxe María, tras dilixente corrección e emenda, imprimíndoo na súa conta e en sociedade, Gonzalo Rodríguez de la Passera e Xoán de Porras. Rematouse a impresión en Monterrei, exercendo o dominio desta vila e condado D. Francisco de Zúñiga, o 3 de febreiro de 1491.”