O Ministerio de Cultura premia a edición facsimilar de 'Maxina ou a filla espuria'

A publicación facsimilar de Maxina ou a filla espuria é un dos libros mellor editados de 2021. O Ministerio de Cultura concedeu o terceiro premio na categoría de facsímiles ao volume que reproduce o manuscrito orixinal de Marcial Valladares conservado no arquivo da Real Academia Galega. O título foi editado por Galaxia coa colaboración da RAG e o apoio da Consellería de Cultura, e a dixitalización correu a cargo da empresa Unayta. A edición, ao coidado de Xesús Domínguez Dono, inclúe un limiar de Xosé A. Fernández Salgado e foi maquetada pola deseñadora gráfica de Galaxia Hayat Husein.

 

Marcial Valladares (Vilancosta, Berres, A Estrada, 1821-1903) escribiu Maxina ou a filla espuria en 1870, pouco despois de rematar a versión inicial do seu Diccionario gallego-castellano, o primeiro gran dicionario da lingua galega e a obra que lle reportou un maior respecto entre os coetáneos. O protagonista do Día das Letras Galegas de 1970 tamén foi gramático, desenvolveu unha notable recollida de cantigas e refráns, e mereceu un lugar destacado no Rexurdimento como pioneiro no uso do galego como poeta e autor de Maxina. Considerada a primeira novela en galego contemporánea, a obra saíu do prelo por primeira vez unha década despois de que Marcial Valladares a escribise, en 1880, o ano en que se publicou tamén Follas Novas de Rosalía de Castro.

Maxina ou a filla espuria viu a luz en dezaseis entregas na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Manuel Murguía. Seguindo os trazos do folletín, narra a historia desgraciada de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras e queda embarazada dunha cativa á que chamará Maxina. A pequena será criada por dous labregos, Inés e Caitán, xunto ao seu medio irmán Ermelio, afillado de Salvio, o señorito de Rebordán, namorado e pretendente de Otilia. O azar folletinesco da novela, ambientada nas mesmas paisaxes da Ulla nas que Marcial Valladares desenvolveu o groso da súa actividade literaria e lingüística, permitirá acabar coñecendo a orixe de Maxina e o seu futuro, descubrir o autor da violación e proclamar a inocencia de Otilia.

Marcial Valladares estudou Dereito e tras traballar como funcionario e dedicarse á política retirouse na década de 1860 á casa familiar de Vilancosta, en Berres, onde desenvolvería un intenso labor intelectual que abrangueu obras de eidos moi diversos, dende a música e a botánica ata o folclore que recolleu na comarca natal. Este último é o tema do Cantigueiro popular (1867), cuxo texto orixinal tamén conserva o arquivo da Real Academia Galega. A institución custodia ademais, entre outros documentos producidos polo autor, o manuscrito Composiciones gallegas, unha serie de versos compostos na década de 1840; e material léxico autógrafo do seu dicionario, doados polos fillos de Crisanto Sanmartín Beiroa (1914-2000), quen durante décadas foi o responsable da imprenta da que saíu por primeira vez este manual fundamental da historia da lexicografía galega. El foi, seguramente, o encargado de salvar da destrución durante a posguerra estes papeis agora a disposición da comunidade investigadora.