O Mariscal, traxedia histórica en verso (1926)

Portada de O Mariscal con deseño de Castelao
Cuberta de O Mariscal con deseño de Castelao


A imitación do Teatro Nacional Irlandés (Irish National Theatre), fundado por W.B Yeats e Lady Gregory no Abbey Theatre de Dublín, e do puxante teatro catalán de comezos do século XX, a Irmandade da Fala da Coruña puxo en marcha, no ano 1919, o Conservatorio Nazonal do Arte Galego, co fin de impulsar o noso teatro. O principal promotor desta iniciativa, Antón Villar Ponte, consideraba a arte escénica o medio máis efectivo para facer proselitismo do novo ideario nacionalista e darlle prestixio á lingua. Por outra banda, a execución do Mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo, o 17 de decembro de 1483, por orde dos Reis Católicos, ofrecía un episodio histórico idóneo para a representación do conflito nacional, pois, segundo o propio Villar Ponte: "c´o aforcamento do indomabre galego Pardo de Cela, sucumbeu a nazonalidade galega" (Emilio Xosé Insua López, 2005, p.131).

Ramón Cabanillas, o poeta máis recoñecido naquel momento, foi o escollido polo xornalista viveirense para versificar o relato da decapitación de Pardo de Cela, que, segundo declaran os autores da obra no seu limiar, está baseado na lenda popular sobre o mariscal e non na historiografía oficial española, "choída en apostillas dos cortesáns dos reis de Castela" (Cabanillas; Villar, 1926).

Para Insua López (2005), a traxedia O Mariscal xa estaba rematada contra 1921, pero non puido ser publicada, por diversas razóns, ata 1926, ano en que a deu ao prelo a editorial coruñesa Lar, dirixida por Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal. O libro, con portada de Castelao e ilustracións de Álvaro Cebreiro, tivo unha tirada de mil exemplares que se esgotou rapidamente e que foi recibida con entusiasmo pola intelectualidade galega do momento, o cal favorecería a súa reedición en 1929 a cargo da editora Nós, dirixida en solitario por Ánxel Casal. Neste mesmo ano, a versión operística d´O Mariscal, musicada por Eduardo Rodríguez-Losada e con decorados de Camilo Díaz Baliño, foi posta en escena por primeira vez no Teatro Tamberlick de Vigo e, deseguido, iniciou unha xira por toda Galicia que acadou un grande éxito de público e crítica. Finalmente, en 1994, o Centro Dramático Galego estreou unha versión adaptada, e representada por monicreques, con realización a cargo de Isabel Rey, Xan Cejudo e Marcelino de Santiago, Kukas. Porén, o texto orixinal interpretado por actores e actrices de carne e óso permanece aínda hoxe inédito nas táboas.