O himno galego de Brañas

A composición de Alfredo Brañas Deus Fratesque Gallaeciae, musicada en 1911 por Luís Taibo García, foi empregada polas mocidades galeguistas de Ultreya como un dos seus himnos.

Imaxe de grupo con Alfredo Brañas, segundo pola esquerda, sentado.  


Non podemos situar con exactitude cando e onde foi publicado por vez primeira este poema do escritor e ideólogo do rexionalismo galego, Alfredo Brañas (Carballo, 1859; Santiago de Compostela, 1900). Secasí, nas páxinas 117 e 118 do libro Os símbolos de Galicia (Santiago de Compostela, 2007) que se pode consultar nesta ligazón, Vitoriano Taibo -irmán do médico e musicólogo Luís Taibo García, autor do acompañamento musical do poema- relátanos o proceso da súa descuberta e conversión en himno polas xuventudes galeguistas de primeiros do século XX.

Deus Fratesque Gallaeciae
Casta dos celtas ¡esperta axiña!
¡Ergue do fango da escravitú!
¡Pátrea da ialma, teus ceibes cantos
henchan o mundo de norte a sul!

Dos meus pasados bendita terra,
nai amorosa da miña nai,
¡Creva as cadeas que te asoballan
e cingue a croa da libertá!

Cantai galegos,
o himno xigante
dos pobos libres,
dos pobos grandes;
cantai, galegos,
a idea santa
da independenza
da nosa Pátrea.

Os de Castela son castelaos
os de Galiza galegos son,
pero non somos, como españoles,
nin eles amos, nin servos nós.

Das costas bravas de Finisterre
hastra as douradas beiras do Sil,
¡Ruxan os berros de guerra a morte
contra os tiranos do meu país!

Ártabros fortes,
feros brigantes,
sombras quiridas
d'outras edades,
prestade alentos
ós que batallan
por esta meiga,
pequena Pátrea.

A partitura de Deus Fratesque Gallaeciae, composta polo médico, musicólogo e membro correspondente da Academia, Luís Taibo García (1877-1954), pódese descargar aquí.

Imaxe de Luís Taibo en Vida Gallega.
Imaxe de Luís Taibo publicada en Vida Gallega.