Tribuna

O 'Dicionario do Galego no Bierzo'

Vén de presentarse o primeiro Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez Fernández, editado pola Universidade de Vigo. Se o Bierzo ten unha personalidade diferenciada de Castela e León éo por pertencer á antiga Gallaecia e falar galego dende o nacemento deste idioma, propio de Galicia, pero tamén do Bierzo. Estas circunstancias determinan a existencia do Consello Comarcal que nos distingue ao ser a única comarca con este recoñecemento en toda a comunidade de Castela e León. Non é estraño pois que á primeira presentación deste dicionario asistise unha delegación oficial deste Consello Comarcal formada non só polo seu conselleiro de Cultura e Patrimonio, Gabriel Folgado, senón tamén polo seu presidente, Olegario Ramón, que interveu no evento outorgándolle unha relevancia indiscutible cargada de bos desexos para o Dicionario, a autora e o galego neste territorio.

O académico correspondente Héctor Silveiro, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, organizadora da presentación, agradeceu de corazón as palabras de Olegario Ramón, pola súa dimensión política facendo fincapé no avance da dignificación do galego nesta comarca, en resposta á secular minorización que sofre. Esta fala, utilizada nuns 23 concellos, precisa dun status de normalidade e recoñecemento formal por parte das autoridades administrativas que se está abrindo camiño nestas últimas década, cuando xa acusa unha debilidade notable no ámbito coloquial e familiar que cómpre revitalizar no seu uso tradicional, ademais de procurar novos espazos como o educativo, o institucional e cultural para os que este dicionario contribúe como unha poderosa ferramenta.

Non podemos obviar que este dicionario supón unha enorme transcendencia para o patrimonio lingüístico e cultural berciano, concreción da existencia dun conxunto inmenso de termos da linguaxe que vive no Bierzo. Constitúe xa desde a súa edición un referente esencial da memoria do patrimonio inmaterial que é a fala que se recolle no papel para que o anónimo, o espontáneo e o efémero desafíe a eternidade coa ambición da permanencia. Grazas a Sara Rodríguez, a autora deste impecable traballo nacida no ano 2000 en Carracedelo, resulta doado poñer a nosa riqueza lingüística actual en relación directa coas dimensiois didáctica e reivindicativa que o seu dicionario ten. 

Sara convértese en todo un referente para o presente do galego do Bierzo. Naceu no seo dunha familia que lle soubo transmitir o amor pola lingua, sen ignorar as oportunidades que o galego ofrece máis aló. O dicionario de Sara é a manifestación máis rotunda da garantía de futuro da nosa lingua no Bierzo. A autora, grazas ao Programa de Promoción do Galego no Bierzo (un acordo entre a Junta de Castilla y León e a Xunta de Galicia en vigor desde o 2002 que introduce timidamente e de xeito voluntario nalgunhas materias o galego como lingua vehicular na Ensinanza Primaria, a ESO e Bacharelato), puido estudar Lingua e cultura galegas ao seu paso polo Instituto Bergidum Flavium de Cacabelos entre o 2012 ao 2016. Participou naqueles anos en Vilafranca, na vila natal do ilustrado e pai das Letras Galegas, nas actividades das Xornadas Martín Sarmiento sen saber que anos máis tarde ía concluír un labor lexicográfico que comezara aquel erudito bieito aló no 1745 nos camiños do Bierzo.

O paso pola Universidade de Vigo para realizar o grao de Tradución e Interpretación e o seu contacto co Departamento de Galego dirixido polo académico correspondente Henrique Costas foron cruciais para que Sara Rodríguez se propuxese este dicionario. Atopábase na procura dun tema para o traballo de fin de grao cuando asistiu á presentación do Dicionario do Galego de Asturias do tamén académico correspondente Carlos Varela Aenlle, unha obra que tiña detrás 15 anos dun traballo inmenso. “Se o galego do Eo-Navia ten o seu dicionario por que non o pode ter o do Bierzo?”, díxose para si Sara. A ilusión puido máis que o enorme esforzo que supuña abordar semellante empresa. Comezou polo baleirado de todas as obras lexicográficas con termos bercianos e tras un primeiro golpe con 3.000 entradas para o traballo de fin de grao, proseguiu incansable ata chegar ás 15.000 que son as que contén polo de agora.

Na listaxe bibliográfica consultada que acompaña aparecen tanto autores destacados como Fernández Morales ou o Vocabulario berciano de Verardo García Rey, autores máis recentes, coma Aquilino Poncelas (2020) ou notables investigaciois sobre o léxico como as de Jesús García García, Fernando Bello Garnelo ou Elixio Rivas Quintas, ademais do Atlas Lingüístico do Bierzo de Manuel Gutiérrez Tuñón e Alicia Fonteboa López e o Atlas Lingüístico Galego dirixido por Constantino García e Antón Santamarina.  

Na súa intervención cargada de emoción e agradecementos, a propia autora explicou que un labor deste tipo nunca remata e que espera seguir incorporando todas as palabras que aínda están por recoller anunciando tamén a reimpresión do dicionario tras esgotarse xa nestes días o número de exemplares impresos polo de agora. Sara, para rematar o acto, quixo revelar ante o público que enchía a sala do Museo da Radio de Ponferrada unha especie de consigna, palabras de Rosalía de Castro, que sempre a acompañan: Só a lembranza de onde veño me axuda a saber cara onde vou.  

Este dicionario certamente reclama a normalización que o noso idioma precisa comezando desde as aulas nas que cursou Sara, coa ampliación e mellora dese Programa de Promoción voluntario que arrastra unha morea de obstáculos e unha precariedade inxustificables como se vén denunciando, xa que aínda non está presente en todos os centros de ensinanza en territorio galegofalantes, a pesar do éxito (máis de mil familias matriculadas). Este dicionario reivindica a aplicación sen demora das directrices que os expertos recomendan para territorios como esta comarca e que figuran na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias que España asinou no ano 2000. Demanda facer posible a vida en galego no Bierzo, para que algo que vén sendo natural, pase a ser normal.

Sara Rodríguez Fernández na presentación do seu Dicionario do Galego do Bierzo acompañada polos académicos correspondentes Héctor Silveiro e Xosé Henrique Costas

Héctor M. Silveiro Fernández
Académico correspondente polo Bierzo