
Na última década a presenza da RAG na Rede experimentou un notable incremento. A institución presentou o seu Dicionario en liña en 2012. Catro anos despois, en 2016, rexistraba uns 15 millóns de consultas anuais. En 2025 foron máis do dobre. Tras rozar os 26 millóns en 2019, o ano da pandemia, coa poboación confinada durante semanas e un aumento xeneralizado do uso da Internet, chegaron a ser máis de 38 millóns de consultas. E malia o descenso natural posterior, o 2020 marcou un punto de inflexión no aumento do uso do Dicionario da Real Academia Galega, unha obra que supera as 56 000 entradas e en constante actualización. O ano pasado o Seminario de Lexicografía incorporou máis dun cento de voces entre as figuran vocábulos que completan familias de palabras como bucinada, descifraxe / desciframento, estudantado, mais tamén outros tradicionais como bochinche ou eis canda outras palabras de máis recente creación ou popularización como autofoto e dina.
O Dicionario non é a única ferramenta de consulta lingüística que a RAG ofrece en liña. Nos últimos anos puxo en marcha novos recursos que cada día son tamén máis empregados. En xullo de 2022 a institución presentou a súa Guía de nomes galegos en liña, que en 2025 superou as 530 000 consultas. Esta obra ofrece a forma estándar de máis de 1500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media, explica ademais a súa orixe e o seu significado, achega a historia ou as lendas dos personaxes que os levaron primeiro ou que os fixeron populares e recompila as correspondencias con outras linguas.
Froito tamén do traballo do Seminario de Onomástica é a Guía de apelidos galegos, presentada a finais de xaneiro de 2025. Desde entón suma unhas 145 000 procuras. A Guía de apelidos galegos recolle máis de 6.000 nomes de familia que abranguen aproximadamente máis do 95 % da poboación galega. A RAG concibiu este recurso para facilitar o coñecemento das formas propias e a súa restitución, e para iso ofrece tanto a forma estándar de cada un deles coma as non estándar coa equivalencia non deturpada. A Academia prevé presentar proximamente o Dicionario dos apelidos galegos, que incorporará información sobre a orixe e o significado de cada un dos apelidos, entre outra documentación.
O buscador en liña Nomes galegos das aves é outro dos últimos recursos dixitais creados pola RAG para facilitar a difusión do léxico galego estándar, neste caso os nomes dos paxaros. A ferramenta, desenvolvida graza á colaboración dun equipo académico coordinado polo Seminario de Terminoloxía e outro de ornitólogos, presentouse en decembro de 2024 e rexistra unhas 65 000
consultas. Permite realizar procuras polo nome galego, o científico ou a familia á que pertence cada ave, acompañada en moitos casos de fotografías que reforzan o seu carácter divulgativo. A listaxe resultante dálles preferencia ás denominacións patrimoniais, moitas delas documentadas dende a Idade Media e presentes no refraneiro, como bubela, cotovía ou mazarico.
Alén dos recursos que atinxen a lingua, a web da RAG ofrece, entre outros, contidos informativos e divulgativos relacionados coa actualidade da institución ou a celebración do Día das Letras Galegas, así como un espazo específico que permite descargar as publicacións da institución, desde as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego ata os números históricos e actuais do Boletín da Real Academia Galega. En 2025 este sitio recibiu unhas 100 000 visitas.


