Os termos do mundo da ciencia e da investigación conforman outro grupo con presenza nesta actualización, na que se engaden audioloxía, bolboretario / xardín de bolboretas, grampositivo, -a ou gramnegativo, -a, ademais de galeguística.
O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega traballa permanentemente na revisión e actualización do Dicionario en liña da institución. Alén de sumar a esta ferramenta palabras que designan distintas realidades, entre elas os neoloxismos, o equipo que coordina o académico Manuel González préstalle tamén atención ao labor que consiste en completar familias de palabras como as incluídas nesta última actualización. Malia que estas parten dunha mesma raíz común para crear distintas voces coa sufixación habitual do galego, a súa incorporación favorece a resolución de dúbidas sobre a súa escrita, en ocasións meramente ortográficas, como sucede con adictivo, que figura entre as novidades e que evita a súa confusión coa forma aditivo, de significado diferente.
O Dicionario da Real Academia Galega, con máis de 58.000 entradas, constitúe unha ferramenta fundamental para os usuarios e estudosos da nosa lingua. Na súa constante revisión, os membros do Seminario de Lexicografía teñen en conta, entre otros criterios, as demandas que os usuarios e usuarias fan chegar decote a través da lapela “Axúdanos a mellorar”. Froito deste proceso de escoita son algunhas das actualizacións máis recentes, como alfombreiro, -a ou auguista, incorporadas o pasado mes de xullo, ou as mencionadas bolboretario e gazano, -a.
Cada mes a versión web do Dicionario recibe preto de tres millóns de consultas a través da versión web e da súa aplicación para móbiles e tabletas, dispoñible para Android e iOS.



