O diálogo con Rosalía de Castro do coro das malas mulleres

“A literatura pode escarvar no pozo da desmemoria para revelar vidas de persoas que non importaron a ninguén”, afirma Marilar Aleixandre. Como escritora, a académica ten teimado neste poder das letras en distintas obras que forman parte dun proxecto literario centrado na violencia social, con especial atención á que sufriron e sofren as mulleres. Nenas, mozas e vellas como as presas do cárcere coruñés da Galera, onde ambientou As malas mulleres, novela gañadora dos premios Eduardo Blanco Amor, primeiro, e Nacional de Narrativa, despois. Aleixandre dálles voz ás reclusas que habitaron este espazo entre 1863 e 1865, e faino tomando prestada a de Rosalía a través dunha serie de capítulos, que intercala a medida que avanza o relato, cheos de forza literaria e discursiva. A autora falou deste “coro mudo das malas mulleres” na primeira conferencia da trixésimo terceira edición dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que reúne no mes de xullo en Santiago de Compostela preto de medio cento de estudantes procedentes dunha vintena de países.

1/3

A Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela coorganizan desde 1988 estes encontros, apoiados economicamente pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Tras a obrigada interrupción por mor da pandemia, este luns inaugurouse a nova edición desta cita estival xa tradicional.

Marilar Aleixandre, lembrou a académica María López Sández na súa presentación, tamén aprendeu galego xa de adulta, cando no ano 1973 se estableceu en Galicia. A súa última novela segue a vida das reclusas no cárcere da Galera, cuxa creación foi proposta por unha monxa co propósito de castigar as “malas mulleres”, como a propia relixiosa lles chamou nun texto de 1608. Unha delas é a moza que protagoniza a narración, Sisca –personaxe de ficción baseado nun episodio de represión e violencia machista ocorrido un século despois–, no breve tempo en que Concepción Arenal e Juana de Vega lles aprenderon a ler e a escribir ás presas, ata que o alcaide o prohibiu. Mulleres todas elas sen voz cuxas historias ficaron, como tantas outras femininas, ás marxes, ignoradas tamén pola literatura. Marilar Aleixandre consegue que se fagan oír en diálogo con versos da autora fundacional das letras galegas contemporáneas. “Rosalía cantou a vida e as penas das mulleres dun modo que as mulleres –e non só– fixeron seu. Atrevinme a imaxinar mágoas só entrevistas nos seus poemas”, explica.

A académica recorre a composicións como “Por que?”, sobre os desafiuzamentos; “Tecín soia a miña tea”, nunha pasaxe na que tamén intervén o relato de Emilia Pardo Bazán “Casi artista”, sobre unha muller abandonada polo home que marcha á emigración; e “A xustiza pola man”, imaxinando o que puido acontecer previamente para que a protagonista decida matar cunha fouciña a quen a deshonrou.

O coro das malas mulleres convértese tamén en certo momento na “regueifa das malas mulleres” ou “o coro das lobas”, en alusión a Pepa a Loba, a única presa da Galera da que se coñece hoxe o nome, cun papel secundario pero relevante na novela. Mais o mudo coro das malas mulleres berra por primeira vez en realidade desescribindo “Antre os pinos”, de Eduardo Pondal, e faino para deixar falar a vítima. “A violencia exércese de moitas formas, e unha delas é a través da literatura. Eu non interpelo a Pondal, céntrome no poema, que é unha mostra de como tamén a través da literatura se normaliza a violación”, advirte Marilar Aleixandre.

Programa vindeiro
Tras o relatorio da académica, o calendario de palestras continuará o martes que vén co cineasta Álvaro Gago. O director da multipremiada Matria falará sobre a historia do cinema galego e da súa propia obra cinematográfica. O xoves 13 Malores Villanueva centrará a súa intervención na figura de Francisco Fernández del Riego e o 60 aniversario do Día das Letras Galegas; o 18 de xullo será a quenda de María Obelleiro, director de Nós Diario, que abordará a relación entre os medios de comunicación e a lingua galega; e o 20 de xullo a escritora e académica Fina Casalderrey falará sobre os lazos entra a literatura e a gastronomía.

A programación de actividades inclúe ademais obradoiros de baile tradicional e regueifa a cargo de Mercedes Prieto e Alba María, respectivamente; unha viaxe no tempo polas rúas de Santiago de Compostela a través das músicas que se escoitaron e crearon na cidade e mais unha excursión á Costa da Morte.