Pola esquerda, Manuel Martínez Pan, Víctor F. Freixanes, Håkan Casares Berg e Carlos Fernández Lamigueiro posan co cupón que porá a venda a ONCE o vindeiro 17 de maio co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares. Autor: RAG
Víctor F. Freixanes agradeceulle á ONCE a edición deste cupón polo que significa de apoio e proxección exterior da literatura galega e dunha iniciativa, o Día das Letras Galegas, que a Real Academia Galega creou en 1963 rendéndolle homenaxe a Rosalía de Castro. Aquelas primeiras celebracións do 17 de maio, "case clandestinas", convertéronse hoxe nun fenómeno no que participa "toda a sociedade civil, que é a que sostén un país", salientou. O presidente da RAG aproveitou ademais a ocasión para agradecerlle á ONCE o traballo que realizar para lle achegar a literatura galega ás persoas invidentes, un labor no que espera que ambas organización poidan colaborar.
Manuel Martínez Pan referiuse tamén á vontade da ONCE de "fomentar o coñecemento da cultura galega" entre os seus afiliados e afiliadas e de exercer de "embaixadores da cultura galega" empregando o vindeiro 17 de maio o cupón, a súa tarxeta de presentación, para "facer acompañamento á festa da cultura galega".
Håkan Casares Berg agradeceu esta homenaxe a Casares, "fermosa, diferente", e capaz de "chegar a todo o mundo". O fillo do autor confesou que ten "unha significación especial", xa que na familia era habitual participar nos sorteos da ONCE. "Incluso gañamos algún premio. A ver se temos sorte e o día 17 toca", dixo con humor Håkan Casares Berg, quen engadiu que o protagonista do Día das Letras Galegas compartía coa ONCE unha "vocación social" que o levou a se implicar en moitas iniciativas orientadas a paliar as desigualdades.
Unha figura poliédrica
Carlos Casares publicou en 1967, sendo aínda estudante universitario, o seu primeiro libro, Vento ferido, cuxos relatos foron un auténtico anticipo da prosa sinxela e efectiva, e do gusto polas historias próximas, galegas e ao tempo universais, que foron sinais de identidade da súa literatura. Xoguetes para un tempo prohibido, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul ou a súa última obra, O sol do verán (2002), son outros dos títulos que o converteron nun clásico da narrativa galega da segunda metade do século XX. Súas son tamén algunhas das obras máis emblemáticas da literatura galega para o público máis cativo, como A galiña azul (1968) ou a peza teatral As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973).
O protagonista do Día das Letras Galegas 2017 cultivou ademais cun grande éxito de público o xornalismo literario e foi un dos persoeiros destacados do seu tempo no eido da xestión cultural. Dirixiu a editorial Galaxia desde 1986 e presidiu o Consello da Cultura Galega desde 1996 ata o seu pasamento. Cómpre mencionar tamén a súa participación na vida política da transición e os primeiros anos de democracia: foi membro do primeiro Parlamento de Galicia, no que xogou un papel importante na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística (1983).