O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago arrinca indagando os nexos dos nomes de lugar cos relatos xacobeos lendarios e reais

O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago comezou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, onde se darán cita ata o venres reputados especialistas en nomes de lugar de Galicia, a Península Ibérica e Europa. O académico electo Gonzalo Navaza impartiu o relatorio de apertura do congreso sobre as etimoloxías xacobeas, no que abordou dende a orixe dos nomes de Santiago e Compostela -que nada ten que ver cun suposto campo de estrelas, malia a crenza popular- ata a aparición de iconas universais xacobeas como a vieira. “A vieira como símbolo dos viaxeiros, da peregrinación, é unha creación da lingua galega. Só en galego conflúen nunha mesma palabra o substantivo que designa a cuncha do bivalvo do mesmo nome e o adxectivo relativo vías dos camiños”, expresa Gonzalo Navaza. Todos os relatorios da xornada inaugural poden verse nesta ligazón.

1/13

A Real Academia Galega organiza este encontro coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica, e o apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, inaugurou o encontro xunto á académica de número e organizadora do congreso, Ana Boullón; a académica correspondente e presidenta da AGON, Luz Méndez, tamén á fronte da organización; o reitor da USC, Antonio López; o decano de Filoloxía, Elías Torres; a secretaria do Instituto da Lingua Galega, María Álvarez de la Granja; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Víctor F. Freixanes salienta a importancia deste encontro para proxectar internacionalmente Galicia como referencia dos estudos toponímicos e agradece a colaboración de todas as institucións que colaboran para facelo realidade. “Este congreso confirma a Real Academia Galega, e o mundo académico galego en xeral, como un dos centros da toponimia, non só polo enorme riqueza que ten a nosa terra en nomes de lugar, senón pola tradición dos estudos de toponimia”, resume o presidente da RAG,.

A orixe lendaria carolinxia do campo de estrelas que nunca existiu
O de Compostela  é un dos nomes de lugar abordados por Gonzalo Navaza na súa achega ao congreso, un exemplo que dá conta da pegada das crónicas do Camiño, lendarias e reais, na toponimia. O académico electo lembra que, malia a popularidade da tese, non significa “campo de estrelas” e apunta que a súa orixe está en realidade en composta. Polo tanto, Compostela é o diminutivo do resultado común galego do participio do verbo latino COMPONERE, verbo con múltiples significados, dende compoñer e construír ata adornar. “Quizais ten que ver coa basílica de Santiago que se acabou de construír a finais do século IX, o que explica a tardía aparición deste topónimo”, suxire o profesor da Universidade de Vigo. 

A crenza tan estendida de que Compostela quere dicir “campo de estrelas” ten en calquera caso moito de etimoloxía xacobea. Baséase nunha das lendas recollidas no Libro IV do Códice Calixtino, o Pseudo Turpín (s. XII), a crónica mítica da presenza de Carlomagno en Galicia. “Nos primeiros textos do Códice Calixitino menciónase a claridade cando se fala do lugar onde apareceu o sepulcro do apóstolo, pero non das estrelas. Estas non aparecen ata o Pseudo Turpín, no episodio en que Carlomagno soña que as estrelas o guían ata Santiago. Daquela Carlomagno, seguindo o camiño das estrelas, prepara a expedición na que irá deixando o Camiño de Santiago libre de infieis. Este novo material lendario incorporouse ao Códice Calixtino a partir da tradición da traslatio, a que explica como chegaron os restos do Apóstolo a Galicia ata o porto fluvial de Iria Flavia (Padrón), que aparece nas fontes documentais con posterioridade á da inventio, a referida á descuberta do sepulcro do Apóstolo”, detalla o filólogo.

 

Malia ser o Pseudo Turpín un texto rexeitado pola ortodoxia católica, a lenda transmitiuse ao longo dos séculos. No século XV a estrela xa formaba parte da iconografía popular xacobea e xa no XIX chegou a se oficializar dalgún xeito cando o bispo López Ferreiro deu por certa esta etimoloxía, dando comezo a unha serie de polémicas dentro da propia Igrexa, engade Gonzalo Navaza. 

Este é un exemplo das “etimoloxías fantásticas” que imperaron durante séculos, antes de que se procurase o rigor científico. “Durante moito tempo a ‘arte etimolóxica’ foi unha especie de rama da filosofía que consistía en ver o que esconden as palabras, en revelar a íntima realidade que designan, dicíase. E a través dela consolidáronse moitas ocorrencias e lendas”, contextualiza.

A propia evolución do latín do momento confirma a imposibilidade desta orixe lendaria. “No latín hispánico occidental a palabra stellae daquela altura xa tiña o ‘r’ e campo nunca se podería deformar en compos”, concreta o membro do Seminario de Onomástica. 

O outro elemento do topónimo da capital galega, Santiago, ten tamén unha clara orixe medieval asociada ao achado do sepulcro do apóstolo. “A aglutinación de santo ao nome non atopa equivalencia noutras linguas romances, agás no castelán porque o recibe do galego”, indica o filólogo, que aclara ademais que formas como Xacobe non son completamente equivalentes a Santiago. A primeira refírese ao patriarca do Antigo Testamento, Iacob en latín; e Santiago é a forma aplicada aos apóstolos de Xesús a partir da forma latina Iácobus. Si son variantes de Santiago Iago ou Tiago, mentres que Diego, malia o que se adoita dicir, non garda relación ningunha.

Pero como se chamaba antes o territorio hoxe denominado Santiago de Compostela? O Chronicon Iriense (s. X) e a Historia compostelana (S. XII) rexistran a denominación en latín Liberum donum, e só posteriormente aparece a correspondencia romance Libredón, que fai referencia ás terras seguramente doadas polas autoridades a raíz da descuberta do sepulcro e que gozaban da protección da coroa. “Isto explica outra etimoloxía xacobea, a do Milladoiro (Ames) e outros lugares da zona co mesmo nome, porque as sucesivas doazóns de terra arredor do sepulcro iríanse marcando con miliarios”.

Outros topónimos xacobeos: das “Vianas” á Coruña
Gonzalo Navaza tamén analiza na súa achega ao Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago outros topónimos que gardan relación co fenómeno xacobeo. É o caso das “Vianas”, que teñen como ascendente remoto a francesa localidade de Vienne (Francia), onde foi arcebispo o papa Calixto II, grande impulsor do Camiño de Santiago coa concesión do ano santo compostelán. A primeira delas rexistrada na Península Ibérica, adoptando a forma occitana Viana, é Viana do Bolo, territorio antes chamado Robreda. A súa actual denominación aparece rexistrada por primeira vez no ano 1206 na carta de poboamento concedida polo rei don Afonso (1171-1230) no momento do nacemento da burguesía. Despois chegarían a Viana navarra e Viana do Castelo, coa mesma motivación.

O da Coruña é outro dos topónimos xacobeos estudados por Gonzalo Navaza que non proceden da tradición local, senón que foi tamén asignado polo rei don Afonso inspirándose nas crónicas carolinxias do Códice Calixtino, propón o filólogo. Antes de pasar a chamarse Crunia no ano 1208, lembra, a cidade coñecíase como Faro, nome que á súa vez substituiría o antigo Brigantium.

De Galicia, á Península Ibérica e Europa

O programa da primeira xornada do Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago continuará con máis relatorios sobre o Camiño en Galicia.  Carlos Búa (Universität Leipzig) falará sobre Callobre; Xosé Manuel Sánchez Rei (Universidade da Coruña) sobre a toponimia menor de Sobrado na época medieval; Paula Bouzas (Universität Göttingen) realizará achegas arredor do Tombo de Iria como fonte de información toponímica; o académico correspondente Xosé María Lema centrarase en topónimos do Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil; o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, falará sobre microtoponimia relacionada coas rutas xacobeas; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abordará o compoñente lingüístico, cultural e turístico da toponimia no Camiño.

A xoves 22 de setembro a segunda xornada centrarase no Camiño de Santiago na Península Ibérica, coa participación de investigadores de Toponimasticom Hispaniae, o proxecto coordinado pola académica Ana Boullón que estuda a toponimia de toda a Península Ibérica. As sesións profundarán en cuestións relacionadas coa área catalá-valenciana, Aragón, Portugal ou Euskadi a cargo de especialistas como o catedrático da Universitat de València Emili Casanova; Javier Giralt, presidente da Academia Aragonesa de la Lengua e director do Institut Aragonès del Català; Carlos Rocha, investigador do Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa; Patxi Salaberri, académico de número de Euskaltzaindia e catedrático da UPNA; e Mikel Gorrotxategi, de Euskaltzaindia.

O programa do xoves completarase  cun concerto aberto a todo o público do zanfonista Germán Díaz, acompañado no clarinete baixo por Pablo Pascual. O espectáculo, titulado A zanfona e o Camiño de Santiago, terá lugar a partir das 19:30 horas no salón de actos da Facultade de Filoloxía da USC.

O programa do venres centrarase no Camiño de Santiago en Europa, a cartografía e mais a historia medieval e contará con voces como as de Elena Papa e Alda Rossebastiano, da Università di Torino, e Pierre-Henry Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique francés, con achegas sobre a toponimia xacobea na área subalpina e Francia; Marta Montilla, do Instituto Geográfico Nacional, que falará sobre os recursos xeográficos e dixitais do Camiño da institución á que pertence; Carlos Baliñas, cunha contribución sobre os usos sociais dos sobrenomes na Galicia altomedieval e a posible influencia no Camiño; José Carlos Sánchez Pardo, que falará sobre a relación entre os topónimos e o estudo histórico da paisaxe ao redor das rúas xacobeas en Galicia; e Irene García Losquiño, que ofrecerá unha ollada á pegada da migración viquinga na paisaxe arqueolóxica e na toponimia.