O Concello de Lousame preséntalle á RAG as actividades de divulgación da figura do cura de Fruíme

O presidente da Real Academia Galega recibiu este mércores a alcaldesa de Lousame, acompañada dos voceiros dos grupos socialista e nacionalista deste concello coruñés. Teresa Villaverde, Juan José Prego e Anxo Moledo presentáronlle a Henrique Monteagudo o traballo realizado para a divulgación da figura e a obra de Diego Antonio Cernadas y Castro (1702-1777), coñecido como o cura de Fruíme, natural de Lousame.

A rexedora e os edís interesáronse polo procedemento para facerlle chegar á Real Academia Galega unha proposta co obxectivo de que a institución lle renda homenaxe ao cura de Fruíme dedicándolle un Día das Letras Galegas.

Entre outras iniciativas arredor do Diego Antonio Cernadas, nos últimos vinte anos téñense promovido edicións da súa obra e sobre el, gravacións de videopoemas e composicións musicalizadas, unha andaina na súa lembranza ou a produción dun pequeno sainete sobre a súa figura.