O ciclo ‘Momentos da cultura galega’ arrinca con Castelao en Buenos Aires, o epicentro da “Galiza ideal” que soñou

“Endexamais tiven vocación de emigrante. E despois de ter percorrido moitos camiños estraños, en contra da miña vontade, declaro que o nacer, vivir e morrer nunha mesma terra é a sorte máis grande que se lle pode desexar a unha criatura; pero a condición de que na terra nativa haxa liberdade e xustiza, pois sen estes dous bens tamén hai desterro na propia terra”. Castelao escribiu en 1943 desde Buenos Aires estas liñas do “Libro terceiro” de Sempre en Galiza. O volume editouse por primeira vez un ano despois na mesma cidade na que, tras unha década de exilio na Arxentina sen albiscar o fin da ditadura franquista, a liberdade e a xustiza na terra nativa, morría o 7 de xaneiro de 1950. A que convertera na capital simbólica da súa “Galiza ideal” despediuno cunha homenaxe multitudinaria. Comezaba o mito. 

1/13

A importancia da etapa bonaerense de Castelao, decisiva para a conclusión do testamento intelectual, político e artístico desta “figura central da cultura galega contemporánea”, xustifica a súa elección neste Ano Castelao como primeiro episodio do ciclo que a Sección de Historia da Real Academia Galega inaugurou esta tarde no Museo de Pontevedra: Momentos da cultura galega. O encontro, organizado coa colaboración da Deputación e o propio Museo, desenvolveuse no auditorio do edificio que leva o nome do homenaxeado.

A palabra momentos emprégase na historia intelectual para salientar o papel esencial que certas persoas, institucións ou obras exercen en ocasións nun contexto cultural determinado, como sucede co momento Maquiavelo na politoloxía británica ou o momento Sartre en Francia, explica Ramón Villares, director da Sección de Historia e coordinador do encontro. “Temos a obriga de repensar eses momentos ou figuras clave e, cadrando co 75 cabodano de Castelao, coidamos que tiñamos que empezar reflexionando sobre a importancia que este tivo como escritor, na política do exilio e no desenvolvemento da estratexia para a construción do que el chamou a Galiza ideal”, expón o académico de número. 

Baixo esta premisa, a xornada conducida polo historiador contou como relatores con Henrique Monteagudo, presidente da RAG e experto na obra de Castelao; Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, que custodia unha parte destacada do legado artístico e documental do autor; e Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O serán concluíu coa proxección das imaxes de Castelao en Buenos Aires que se custodian na Filmoteca de Galicia. Na inauguración participou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, xunto ao presidente da Academia, a directora do Museo e o coordinador da xornada.

 

Castelo e o “momento Buenos Aires”
A escolla temporal do exilio en Buenos Aires responde a varios motivos. Na Arxentina Castelao culminou creacións literarias como a peza teatral Os vellos non deben namorarse, escrita no exilio en Nova York e estreada en 1941 no Teatro Mayo da capital porteña; estudos como As cruces de pedra na Galiza, “o cumio do Castelao investigador” do que falou Ángeles Tilve; ou Sempre en Galiza, cuxo contexto analizou Henrique Monteagudo. A intervención do presidente da Academia estivo dedicada ao pensamento do homenaxeado plasmado nos seus escritos e discursos, indo desde esta colectánea de ensaios, que saíu do prelo por primeira vez en 1944, ata Alba de gloria, a derradeira alocución que pronunciou en público, o Día da Patria Galega de 1948.

“Castelao marcou ademais desde Buenos Aires a política do galeguismo no exilio. Construíu unha liturxia patriótica galeguista, recompuxo a alianza Galeusca cos vascos e os cataláns, foi capaz de construír cos poucos vimbios que tiña unha aparencia de goberno galego no exilio, o Consello de Galiza, e logo desempeñou un tempo o cargo de ministro sen carteira do goberno republicano no exilio. Coido que todo isto constitúe un punto moi elevado da súa influencia na Galicia do século XX”, enumera o profesor Villares. Desde ese Buenos Aires artellou tamén o concepto da “Galiza ideal”, no que afondou Xosé Manoel Núñez Seixas deténdose na relación do autor coa colectividade galega emigrada. Por todo isto, Castelao “acabou sendo un mito”, considera Ramón Villares. “Foino xa case en vida e coa súa morte o mito agrandouse moito máis”.

A oportunidade de publicar ‘Sempre en Galiza’
A publicación de Sempre en Galiza en 1944 enmárcase nesa estratexia política que Castelao definiu no exilio, apunta Henrique Monteagudo. O volume é unha colectánea de textos escritos en momentos moi diferentes, no desterro en Badaxoz (1935), en Valencia e Barcelona (1937), en Nova York (1940) e en Buenos Aires (1943), mais cunha “unidade de intención autorial” que pasa pola fixación de ideas forza do pensamento de Castelao como a reivindicación de Galicia como nación e de España como unha república federal plurinacional, e unha orientación antifascista e democrática. “A decisión de publicar Sempre en Galiza ten moito que ver coa reactivación da actividade política no exilio. Tras o segundo Pacto Galeusca en Buenos Aires en 1941, a presentación pública do libro concibiuse como un preludio da constitución do Consello de Galiza, que tivo lugar en novembro de 1944, cando se albiscaba o final da II Guerra Mundial e a derrota do fascismo”, contextualiza o presidente da Real Academia Galega.

Castelao deixou ademais outros sete capítulos que conforman o “Libro cuarto” de Sempre en Galiza, publicado postumamente. Estas derradeiras páxinas que non chegou a rematar escribiunas en 1947 no paquebote Campana de volta – tras exercer en París de ministro republicano no exilio–, á “Galiza ideal”, e inclúen unha das versión dos primeiros compases de Alba de gloria, o seu derradeiro discurso público. Esta alocución que Castelao pronunciaría o 25 de xullo de 1948 no Teatro Argentino responde a un tempo xa ben distinto, de derrota, tras un desencontro coa resistencia galeguista no interior e unha vez constatado que a vitoria dos aliados non acabaría co franquismo, continúa Monteagudo.

“O de Alba de gloria é un momento de profunda desesperación, de illamento e de horizonte moi escuro, pero Castelao atopa as últimas forzas para, a pesar de todo, facer un chamado á esperanza, a seguir existindo. O título é, de feito, moi ilustrativo”, sintetiza. E o resultado, a peza cimeira da oratoria galega que comeza co evocador “Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única”.

A relación coa colectividade de emigrantes
No Buenos Aires que acolleu a Castelao era posible escoitar todos os acentos do galego. Calcúlase que na cidade vivían daquela arredor de 250.000 galegos de primeira xeración, parte fundamental desa Galiza ideal á que aspiraba, que definía como unha sorte de Galicia de homes libres, que sentían aprecio e consideración polo seu idioma e que estaban reunidos arredor de institucións comúns, conta Xosé M. Núñez Seixas, que centrou a súa intervención neste concepto.

A maior colectividade galega á outra beira do Atlántico estaba, de feito, ao xuízo de Castelao, chamada a liderar a procura dunha Galicia autogobernada. “A construción da Galiza ideal de Castelao pasaba, entre outras cousas, pola integración da emigración e do exilio. El cría moito máis nos emigrantes ca nos exiliados, que se atopaban en maior medida en México e arredor de entidades que consideraba un niño de intrigas. Aspiraba a que todas as colectividades galegas de América, comezando pola de Buenos Aires, fosen unha sorte de novo referente de lexitimidade política para impulsar a reconquista do autogoberno de Galicia, e para iso coidaba que cumpría crear novas entidades suprapartidarias, grandes organizacións que fosen máis alá da disciplina dos partidos da II República, como a Irmandade Galega”, explica o catedrático.

O Consello de Galiza foi outra das iniciativas polas que Castelao pulou. “O Consello de Galiza procuraba dotar a Galicia de algo equiparable aos gobernos catalán e vasco no exilio, mais a estratexia non funcionou. Pretendía ser un organismo fideicomisario da vontade de Galicia expresada nas eleccións de febreiro de 1936, aínda que o seu fundamento último era tamén o apoio das colectividades emigrantes. De feito, o proxecto anterior de Castelao, a creación dun organismo que chama precisamente Xunta de Galiza, apoiábase moito máis nos colectivos emigrantes do que na representatividade dos deputados exiliados”, engade Xosé M. Núñez Seixas.

As cruces de pedra na Galiza
Ángeles Tilve falou doutra faceta de Castelao ben distinta, a de investigador nos campos da historia da arte e da etnografía, a través d’As cruces de pedra na Galiza, libro no que o autor afonda na orixe ou as tipoloxías destes elementos desde a arte rupestre aos cruceiros cristiáns. “As cruces de pedra na Galiza publicouse en Buenos Aires en xuño de 1950, postumamente, pero cando xa se sabía que Castelao estaba moi enfermo, que non ía poder vela publicada, tirouse o primeiro prego para que asinara algúns exemplares”, lembra a directora do Museo de Pontevedra. A conservadora e historiadora da arte escolleu poñer o foco sobre este traballo porque é unha contribución de Castelao “de enorme interese pola metodoloxía que utilizou e pola profundidade da investigación incrible que fixo durante tantos anos”. “É ademais unha obra que une a capacidade de análise do autor coa gráfica, porque inclúe uns 150 debuxos”, valora.

As cruces de pedra na Galiza é tamén outro dos asuntos nos que Castelao traballou durante moito tempo e culminou en Buenos Aires. “Comezou este proxecto nos tempos do Seminario de Estudos Galegos, nos anos 20, e sobre este tema trata o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1934. Despois da guerra, non sabemos como, toda a documentación que tiña, máis de 500 folios, cuartillas e fotografías, chegou a América, e alí seguiu a traballar nas cruces de pedra. De feito, entre esa documentación hai textos sobre cruces que escribiu sobre papel timbrado dun hotel en San Francisco e ten recollidos tamén artigos do New York Times do ano 1940”, comenta.

O interese de Castelao polas cruces de pedra é unha constante que se aprecia na súa obra artística. “Aparecen xa nos seus primeiros debuxos, nas súas estampas e tamén nos grandes óleos dos cegos, como un elemento diferencial e significativo. Pero con este traballo que inicia en 1924 dá un salto cualitativo na maneira en que se achega a elas, como obxecto de investigación. A súa viaxe a Bretaña no ano 1929, cunha das bolsas que recibiu da Xunta de Ampliación de Estudos, tiña precisamente como obxectivo unha análise comparativa entre as cruces galegas e as desta zona de Francia”, sinala Ángeles Tilve.