O certame musical de 1890 e o nacemento do himno galego

Texto de Os Pinos, himno galego
Primeira aparición impresa do poema "Os Pinos" de Eduardo Pondal, publicada nas bases do certame musical organizado polo Orfeón Coruñés Número 4 de Pascual Veiga (22 de maio de 1890)


Ao igual que a bandeira, o noso himno obtivo recoñecemento oficial unicamente no ano 1984 en virtude da Lei de Símbolos de Galicia. Porén, como no caso da bandeira, a historia do himno galego esténdese moito máis atrás no tempo, pois a súa andaina comeza na derradeira década do século XIX. Grazas a un amplo e detallado estudo publicado conxuntamente por Manuel Ferreiro e Fernando López-Acuña na obra colectiva Os Símbolos de Galicia agora podemos coñecer moitos dos pormenores relativos tanto á concepción orixinal da letra e da música do himno como á súa posterior popularización.

Sabemos que a orixe do himno nacional de Galicia está no certame musical organizado polo compositor Pascual Veiga e o seu Orfeón Coruñés Número 4, un evento que se celebrou na Coruña durante os días 30 e 31 de agosto de 1890. Precisamente foi o propio Veiga quen lle solicitou a Eduardo Pondal que escribise un poema para servir de letra destinada a acompañar unha futura "Marcha Regional Gallega", pois entre os diversos premios previstos no devandito certame había un de composición que debía outorgarse a aquela música máis axeitada para cumprir esa función. Foi así como naceu "Os Pinos", o poema pondaliano cuxas estrofas iniciais conforman a letra do noso himno. Mais, a pesar da intención orixinal do concurso, a composición vencedora no premio da "Marcha Regional Gallega" -unha partitura titulada Musica feras domesticat, obra do catalán Ivo Gotós- non foi a música que recibiu a letra escrita por Pondal. En troques esta acabou combinándose con outra composición realizada por Pascual Veiga para o mesmo certame de 1890. Velaí o nacemento do noso himno. E aínda que descoñecemos o momento exacto e as circunstancias precisas en que tivo lugar a combinación da música de Veiga e das palabras de Pondal, si sabemos que iso aconteceu de xeito definitivo algúns anos despois, dado que temos constancia de que o futuro himno galego xa o ensaiaba no ano 1896 o Orfeón do Centro Galego de Madrid, cidade onde Pascual Veiga era profesor na Escuela Nacional de Música desde 1892.

Interesa salientar que o certame musical de 1890 debe ser entendido dentro do contexto do rexurdir musical galego que se produciu durante a segunda metade do século XIX, e que estivo protagonizado por figuras tan coñecidas como Marcial del Adalid, Juan Montes, José Mª Varela Silvari e o mesmo Pascual Veiga. Igualmente a súa celebración estivo moi relacionada co movemento coral e tamén cos esforzos por prestixiar a nosa música popular. Non debemos esquecer que o certame da Coruña organizado por Veiga, ademais de contar con diferentes premios de composición e de execución para bandas, coros e sextetos, incluía tamén un concurso de gaitas e de música do país. Alén diso, a festa musical que formaba parte do acto de clausura do certame -celebrado na tarde do día 31 de agosto- ofrecía no seu programa cantos e bailes populares (alalá, muiñeira ou ribeirá, etc.), xunto coa actuación das bandas e das corais participantes nos concursos do día anterior. Tendo en conta todo isto podemos afirmar que o certame coruñés de 1890 estivo animado por unha evidente intencionalidade patriótica de exaltación da música e das tradicións galegas. Compréndese así o desexo dos organizadores de dotar a Galicia dun himno particular que a representase e co cal as súas xentes se sentisen identificadas.

De novo a prensa permite que coñezamos os detalles do evento, así como diversos comentarios e valoracións ao respecto. Ofrecemos aquí a posibilidade de consultar dúas recensións diferentes dos actos do certame, unha delas publicada no N. 9885 do Diario de avisos de La Coruña (2 de setembro de 1890); a outra pertencente ao N. 49 do periódico lucense A Monteira (6 de setembro de 1890).

A prensa tamén nos informa de numerosos actos públicos celebrados ao longo das primeiras décadas do século XX que axudaron a dar a coñecer a melodía de Veiga e o poema de Pondal, contribuíndo desta maneira a que a obra comezase a ser percibida, paseniño, como himno propio de Galicia. Obviamente a gran maioría desas celebracións foron obra do emerxente movemento galeguista que actuaba tanto no eido político como no cultural. Aquí só queremos destacar dous deses actos. Trátase o primeiro deles da homenaxe a Pascual Veiga realizada no Teatro do Centro Galego de La Habana o día 20 de decembro de 1907, durante a cal tivo lugar a primeira representación pública coñecida do que entón se denominaba o "Himno Regional Gallego", sendo a súa música interpretada pola Banda Municipal da cidade (noticia recollida nos Ns. 50 e 51 da revista Galicia de La Habana). Pouco despois, en 1908, o himno de Veiga e Pondal pasaría a ser oficial en todas as conmemoracións organizadas por ese Centro Galego. Anos máis tarde unha segunda homenaxe a Pascual Veiga, desta vez celebrada no país durante o traslado dos restos mortais do compositor desde Madrid ao seu Mondoñedo natal en setembro de 1912, ofreceu a ocasión para interpretar o himno publicamente por primeira vez en Galicia (información transmitida no N. 39 de Vida gallega).

Foron estes os primeiros episodios do decorrer histórico do noso himno, o cal logrou acadar, como a bandeira, unha ampla aceptación popular moito antes de ser recoñecido oficialmente.