A primeira parte do Boletín 378 céntrase nos traballos sobre Carlos Casares presentados no marco do Simposio organizado na súa honra pola Real Academia Galega a finais de novembro de 2017, as xornadas que, da man da fundación que preserva o seu legado, tiveron lugar previamente en Ourense e Vigo e as sesións que lle dedicou en Santiago o Consello da Cultura Galega, institución da que Carlos Casares foi presidente. Son en total trinta traballos asinados por Manuel Forcadela, Antón Riveiro Coello, Xosé Manuel Salgado, Francisco Castro, Álex Alonso Nogueira, María López Sández, Bieito Iglesias, Montse Pena Presas, Francisco Xavier Senín, Mª Teresa Bermúdez Montes, Dolores Vilavedra, Inma López Silva, Luís Álvarez Pousa, Fernanda Tabarés, Tucho Calvo, Juan P. Fusi Aizpurua, Antón Baamonde, Damián Villalaín, Fernando Valls, Xosé Manuel Dasilva, Ramón Loureiro, Carlos Pajares, os membros correspondentes da RAG Francisco Xavier Carro Rosende, Olivia Rodríguez González e Gonzalo Navaza, os membros de número Henrique Monteagudo, Andrés Torres Queiruga e Marilar Aleixandre, o académico de honra Arcadio López-Casanova e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.
As achegas arredor de Carlos Casares complétanse co capítulo dedicado ás alocucións académicas pronunciadas no pleno extraordinario celebrado o 17 de maio do ano pasado en Xinzo de Limia -a localidade onde medrou o autor-, a cargo de Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero.
O novo número do Boletín tamén dá conta doutras iniciativas destacadas desenvolvidas pola RAG durante 2017. Réndelle así homenaxe a Sebastián Martínez-Risco (Ourense, 1899 - A Coruña, 1977), presidente da RAG entre 1960 e 1977, que foi recordado o ano pasado na propia institución co gallo do seu corenta cabodano. A publicación recolle as contribucións do filólogo e biógrafo do académico Xosé Ramón Freixeiro Mato, da xurista Consuelo Castro Rey, do académico Xosé Luís Franco Grande, que se formou como avogado xunto a el, e da actriz Isabel Risco, neta de Sebastián Martínez-Risco.
Os traballos presentados nas xornadas dedicadas a un dos precursores do Rexurdimento, Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817 - Cacabelos, 1896), no seu bicentenario forman parte igualmente da publicación, que remata coas seccións habituais que dan conta da vida académica durante o pasado exercicio. Nestas páxinas salienta a despedida á escritora e académica Xohana Torres. A membro correspondente Helena González dedícalle unha lembranza especial coa que se pecha o número.