Lugrís Freire emigrara con vinte anos a Cuba, onde medrou o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas e fundou a primeira publicación periódica en galego editada en América, A gaita gallega. De regreso en Galicia no ano 1896, instalouse na cidade da Coruña e entrou en contacto coa Cova Céltica, o faladoiro de intelectuais galeguistas que se desenvolvía na traseira da libraría que rexentaba Eugenio Carré na rúa Real. Neste espazo coñecería por fin o seu admirado Pondal, de quen ofreceu un detallado retrato, físico e emocional, no discurso co que se converteu en membro do SEG. A alocución foi incluída na edición que a RAG publicou en 1935 de Queixumes dos pinos e poesías inéditas do escritor de Ponteceso co gallo do centenario do seu nacemento, dispoñible en copia dixital nesta ligazón da sección de publicacións.
O Seminario fora fundado o 12 de outubro dese mesmo ano por un grupo de estudantes e profesores da Universidade de Santiago de Compostela na casa de Rosalía en Ortoño (Ames). Malia a súa curta vida, truncada pola guerra civil, o SEG conseguiu darlle un novo pulo á investigación científica e cultural do país. Os seus promotores constituíron unha escola de investigadores que foron quen de xerar coñecemento dende a modernidade e cunha ollada propia e en lingua galega, cubrindo as carencias que a Universidade non fora quen de atender. Lugrís defendía tamén a importancia desa mirada propia no peche do seu discurso ante a “mocedade estudosa” que conformaba o Seminario. Querer atafegar ou someter Galicia “á tortura de deformar o seu espíritu nos moldes das culturas alleas ao noso medio é un verdadeiro crime que os galegos debemos impedir”, proclamaba.
Pero o groso das páxinas do manuscrito teñen ao autor do Himno como protagonista, con liñas e liñas que rebordan admiración en todos os planos. “Pondal era o prototipo da raza artábrica, unha das tribus célticas máis numerosa e arriscada que poboaba as terras que hoxe chamamos de Bergantiños (...). Era dunha estatura máis que alta, varudo, forte, xentil, equilibrado. Dende o curuto aos talós, podía poñerse unha plomada que faría ver que o seu corpo era un esteo perfeito. Peito saínte, de bergantiñán, apostura de elegante cabaleiro, modos de xentleman británico. O seu rostro era belamente severo, moreno; e nos anos finales do século anterior, levaba barba longa ‘que non curanza afeou’. Os seus cabelos foran negros, e negros tamén os seus ollos d’unha certa inquedanza como os do ‘subrime e vago’ que ollaren sempre ao infinito. O narís aquilino harmonizaba cabalmente coa súa superior distinción. Na súa mocedade debeu ser sin dúbida, e así o aseguraba Martelo Paumán, o home máis baril e de ‘corpo cumprido’ de Galicia”, describía pormenorizadamente Lugrís.
O texto está inzado ademais de referencias ao celtismo que atravesa a obra pondaliana para elevar o propio autor á categoría de mito: “O bardo galego tiña a beleza dos homes fortes, dos homes superiores, das xentes de Bergantiños, que endexamais conosceran a servidume, nos tempos protoplásmicos da nosa historia. A súa avoenza parecía comezar no rei Fingal, sendo lexítimo irmán do bardo Ossian”.
Canto á súa faceta literaria, Lugrís Freire explicaba que Pondal recitaba os versos antes de os escribir en papeis que nos derradeiros anos da súa vida, cando case tiña xa perdida a vista, se converteran en grandes cartóns brancos. Da súa arpa sairían “as máis subrimes harmonías”, mais o poeta non foi só autor de composicións inmortais. Tamén se converteu nun factor substantivo para o dinamismo e a defensa da literatura do país. “Censurar a Curros era censuralo a el; denominar a Rosalía musa chorona inclinábao de mal xeito porque sentíase ferido no propio espíritu. E cando se facía unha crítica despectiva das letras galegas, era el o que se sentía censurado e aldraxado (...). Tódolos poetas en lingua galega eran seus apóstoles”, resumía Manuel Lugrís Freire.
A Real Academia Galega e os seus membros están a participar canda outras institucións do país no programa de actividades do centenario do SEG, que se estenderán ata o ano 2024. A RAG colaborou na organización do congreso Saber de nós. Cen anos do Seminario de Estudos Galegos, celebrado o pasado mes de outubro e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, comisariou a exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, aberta ao público no Museo de Galicia ata o vindeiro 7 de xaneiro. Na veciña Biblioteca de Galicia poderá verse ata o 31 de xaneiro unha exposición bibliográfica dedicada ás mulleres do Seminario.