O Arquivo da RAG custodiará as cartas de José Mejuto Bernárdez e Amador Domínguez Pan

A Real Academia Galega custodia desde hoxe as cartas escritas desde o cárcere por José Mejuto Bernárdez e Amador Domínguez Paz, ambos vítimas da represión franquista. Con estes epistolarios o Arquivo da institución "enriquécese de maneira notable precisamente nun capítulo que, sendo de moi especial interese, non está moi representado nos fondos documentais da Academia", salienta o presidente Xesús Alonso Montero.

Amador Domínguez Pan (esquerda) e José Mejuto Bernárdez.


Os 17 orixinais manuscritos de Amador Domínguez Pan (A Gándara, Cambre, 1916 – A Coruña, 1949), agarrotado no cárcere coruñés, e outras catro cartas da súa familia relacionadas con el foron entregados polo seu curmán segundo Tomás Rodríguez Mosquera que, en representación da familia, estivo acompañado por Fernando Souto Suárez, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (A Coruña), e o historiador Bernardo Máiz. As de José Mejuto Bernárdez (Vigo, 1907 – Pontevedra, 1937), que morreu fusilado, foron entregadas por Olivia Rodríguez, quen leu unha emotiva carta da súa neta, Ana Paula Mejuto, residente en Buenos Aires.


Pola esquerda, Bernardo Máiz, Tomás García Rodríguez, Xesús Alonso Montero, Olivia Rodríguez e Fernando Souto Suárez. Autor: RAG


Amador Domínguez Pan
O historiador Bernardo Máiz foi o encargado de repasar a biografía de Amador Domínguez Pan. Tras participar na resistencia á sublevación do 18 de xullo e saír do cárcere en 1943, integrouse posteriormente na guerrilla antifranquista, que abandonou en 1947. Coñecido na loita armada como Jaime Pimentel, foi capturado en agosto de 1948 en Carballo, na casa dun enlace, e xulgado e condenado a morte. Morreu agarrotado no cárcere da Coruña o 25 de xaneiro de 1949.

Boa parte das cartas doadas á RAG escribiunas desde a cadea en Ferrol entre 1942 e 1943 para a súa curmá Isabel Domínguez, residente en Villanueva de la Serena (Badaxoz). Outras dúas redactounas tras a súa detención en 1948, pouco antes do seu pasamento, e están dirixidas á súa sogra, á que chama nai. Entre os documentos doados figuran tamén outras cartas de familiares e fotografías do propio Amador e diversos parentes, profundou Bernardo Máiz na súa análise das cartas.

Segundo explica Tomás García Rodríguez -cuxos avós tamén sufriron a represión franquista por agocharen a Amador-, con esta doazón a familia pretende evitar que as cartas acaben desaparecendo co paso dos anos e garantir que sexan preservadas "nun lugar no que estea ao alcance dos historiadores e a xente que queira lelas". "Cando souben que a curmá da miña nai, Isabel Domínguez, gardaba algunhas cartas orixinais de Amador, procurei facerme con elas para que fose unha proba máis do enorme xenocidio que se cometeu durante decenios na posguerra", indicou nunha sentida intervención na que animou a outras familias a que "miren polos seus recordos" e cedan a arquivos como o da RAG este tipo de documentos que, alén do valor persoal, son "importantes para a recuperación da memoria histórica".

Das 17 cartas escritas por Amador Domínguez sinala o investigador Bernardo Máiz a calidade da escrita, malia a súa escasa formación académica, e sobre todo algunhas pasaxes "estremecedoras", entre elas as dirixidas á sogra cando a súa morte xa fora anunciada. "Amador Domínguez Pan forma parte da xeración que, coa República, descubriu e gozou das liberdades cívicas, perdidas coa sublevación militar triunfante contra a que se integrou no combate e polo que perdeu a vida", engade.

Cartas de José Mejuto Bernárdez
As 34 cartas de José Mejuto Bernárdez, fusilado en 1937, foron entregadas á Academia pola súa neta Ana Paula Mejuto, residente en Buenos Aires, o 27 de decembro de 2013, naquela ocasión como fotocopias pois nesas datas xa se estaba a preparar Cartas de un republicano condenado a muerte, volume editado por Alvarellos que recolle a correspondencia, e que foi prologado por Xesús Alonso Montero e Ana Paula Mejuto e presentado por Eduardo Galeano.

A edición do volume foi preparada pola profesora e académica correspondente Olivia Rodríguez, quen hoxe fixo entrega, en nome da familia, dos orixinais da correspondencia escrita polo mecánico vigués nos cárceres de Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra. Tras a morte de José, a familia viuse obrigada a emigrar a Buenos Aires. Con ela viaxaron as cartas, coidadas pola súa dona e lidas con emoción polos seus descendentes. Recórdao a súa neta nun texto asinado desde a capital porteña que leu no nome de toda a familia Olivia Rodríguez. "Estremece e conmove a eternidade que as cartas adquiren a partir de hoxe (...). Despedímonos das cartas deixándoas na RAG, lugar que consideramos como o mellor para doalas. Anhelamos que sexan lidas por investigadores e todas aquelas persoas que desexen coñecer os sucesos históricos a través da escritura de José Mejuto Bernárdez, de profesión mecánico, que narra en primeira persoa acontecementos da guerra civil española. Sangue galega e tinta derramada transfórmanse en palabras cheas de vida", conclúe.

Fragmento dunha carta de Amador Domínguez Pan:

"Supongamos que no existiese la muerte, que viviésemos por espacio de siglos y siglos sufriendo constantes vicisitudes; sería el peor tormento que podría dársenos. La muerte es el descanso de la vida. No la queremos porque somos insensatos y tenemos miedo, sin comprender que al nacer contraemos esa misma deuda. Yo considero que quien sufre es el que queda y no que se va".

Prisión provincial da Coruña, 28 de decembro de 1948.

Fragmento dunha carta de José Mejuto Bernárdez:

"Ahora te pido que no llores más, ya me has llorado bastante. Muero con la conciencia tranquila que no le he hecho mal a nadie y que no me he manchado jamás las manos de sangre. Ten fe en el porvenir y sabe esperar, yverás cómo llegará un día en que mi sangre derramada inocentemente como la de millones de españoles servirá para hacer justicia sobre esos cobardes asesinos.

Cela nº 2 do Cárcere de Pontevedra, 2 de maio de 1937


Foto de familia dos intervenientes no acto de entrega das cartas con público asistente. Autor: RAG