O Arquivo amplía a campaña de dixitalización de documentos de particulares

O prazo de recollida de documentos históricos de particulares para a súa dixitalización por parte da Real Academia Galega amplíase ata o vindeiro venres 17 de xuño. A institución quere agradecer a colaboración de todas as persoas que achegaron fondos persoais e facilitar tamén que se sumen á iniciativa aquelas interesadas en facelo pero que non puideron estes días. Un libriño de 1901 de homenaxe a Francisco Tettamancy, membro fundador da Academia, realizado polos seus amigos, carnés e recordatorios de comuñón de distintas épocas do século XX, fotografías e tarxetas postais son parte das achegas realizadas ata o momento polo público dentro da campaña da RAG co gallo do Día dos Arquivos, celebrado o 9 de xuño.
Imaxe histórica da zona do Obelisco
Imaxe histórica da zona do Obelisco, na Coruña, facilitada por unha participante na campaña da RAG co gallo do Día Internacional dos Arquivos


Aínda sen sabelo, todo o mundo ten un arquivo persoal. A campaña da RAG busca concienciar sobre o valor dos documentos e obxectos que o compoñen, aos que a miúdo non se lles dá importancia que teñen malia seren parte da historia, individual e colectiva, que merece ser preservada. Pasaportes, libros de rexistros de empresas, fotografías, recordatorios, tarxetas postais, axendas, diarios, cartas, carteis, escrituras ou folletos vellos son só algúns exemplos. As persoas que desexen compartir as lembranzas e a historia que gardan poderán traelos a RAG (na rúa Tabernas, 11 da Coruña) para a súa dixitalización gratuíta ata o vindeiro 17 de xuño. Serán atentidas polo persoal do Arquivo da institución de luns a xoves de 9 a 14:45 horas e de 16:30 a 19:45 horas, e o venres de 9 a 14:45 horas. Posteriormente, a RAG amosará estes anacos do pasado na súa web, academia.gal.