“O Arde Lucus converteuse nun símbolo de identidade e orgullo para os lucenses”

Festas de recreación de episodios históricos hai moitas, pero seguramente o Arde Lucus sexa hoxe, malia a súa mocidade, a que acadou a maior pegada social. “Converteuse nun símbolo de identidade, de pertenza e orgullo, coido que como ningunha outra celebración deste tipo en toda Galicia e como poucas en todo o Estado. Non é simplemente unha recreación do pasado romano de Lugo, é algo máis: unha reinvención activa dese pasado que participa do presente”, valora José Carlos Sánchez Pardo. O historiador da USC abriu hoxe as xornadas coas que a Sección de Historia da RAG pretende afondar nos porqués da aparición de festas que reconstrúen feitos históricos, os procesos sociais e culturais que explican a súa consolidación e mais a relevancia que teñen para a proxección da historia no espazo público.

1/11

A mesa redonda celebrada no Museo Provincial de Lugo centrouse nos casos do Arde Lucus e a Festa da Istoria de Ribadavia, sobre o que falou o especialista en historia medieval Anselmo López Carreira. O encontro, organizado pola Academia co apoio da Deputación de Lugo, a Rede Museística Provincial de Lugo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, foi inaugurado polo vicesecretario da RAG, Lourenzo Fernández Prieto; a deputada de Cultura de Lugo, Iria Castro Fernández; e a directora do Museo, Aurelia Balseiro. A vindeira cita celebrarase o mércores 11 de xuño na Casa Galega da Cultura de Vigo con senllos relatorios sobre a Reconquista e a Romaría Vikinga de Catoira a cargo do catedrático da Universidade de Vigo Luis Domínguez e o divulgador, xornalista e profesor da USC Manuel Gago.

As xornadas toman prestado o seu nome da expresión popularizada polos historiadores Eric Hobsbawn e Terence Ranger no libro A invención da tradición (1983), convertido nun clásico. Os estudosos británicos sinalan nestas páxinas o interese específico que teñen para os historiadores as tradicións inventadas que “intentan conectarse cun pasado histórico”. 

 

O exemplo “excepcional” do Arde Lucus
O Arde Lucus, que chega á vixésimo cuarta edición este 12 de xuño, é a festa máis nova das catro que protagonizan o programa da Sección de Historia. A primeira edición celebrouse no 2002, dous anos despois de que a Muralla de Lugo fose declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, e en 2023 acadou a consideración de Festa de Interese Turístico Internacional. “Malia ter só vinte e tres anos de vida, podemos dicir que é xa unha festa tradicional, ten unha forza enorme e así é como se percibe”, recoñece José Carlos Sánchez Pardo. Canto ao rigor da recreación, considera que está “ben feita” e salienta o bo labor de asesoramento de especialistas como o arqueólogo do Museo Provincial de Lugo Enrique Alcorta. “Ten bastante fidelidade ao que se coñece historicamente, aínda que poderiamos dicir que como festa que é consiste nunha reinvención creativa do pasado na que se mesturan elementos históricos con licenzas artísticas”, propón. 

Entre as licenzas que deixan nun segundo plano o rigor histórico, Sánchez Pardo sinala a convivencia no mesmo espazo de romanos e castrexos, que interpreta desde un punto de vista identitario contemporáneo. “As primeiras persoas que se asentaron no territorio da cidade romana de Lugo foron os propios invasores, nese espazo concreto non había ningún castro. Obviamente os indíxenas que vivían nos castros da contorna comezaron a interactuar cos conquistadores, pero foi unha integración paulatina. Así que esa mestura entre castrexos e romanos que se representa no Arde Lucus é unha simplificación”, expón. “En calquera caso, é moi interesante analizar o incremento das persoas que participan na festa vestidas de castrexas en vez de romanas, porque desde o presente téndese a identificar os castrexos cos galegos, por máis que a lingua que hoxe falamos proceda sobre todo do latín que falaban os colonizadores. Incluso coido que podería dicirse que se produce certa identificación a nivel político con unha ou outra escolla”, suxire.

Nesta liña, a análise do historiador lugués do Arde Lucus céntrase no presente. “O que máis me interesa é destacar como esta festa está a reflectir o que é a sociedade actual. É dicir, como o Lugo de hoxe se identifica co Lugo romano, e como este, alén de para reinventar un chisco o pasado, lle serve para identificarse hoxe desde as súas raíces. O Arde Lucus converteuse nun símbolo de identidade, de pertenza e orgullo para os lucenses, e seguramente triunfou porque había unha necesidade de paliar certo sentimento de ser unha cidade algo esquecida dentro de Galicia. Agora Lugo vese como unha cidade atractiva, e coido que o Arde Lucus contribuíu a mellorar moito esa imaxe, o seu prestixio social, tanto no resto de Galicia coma incluso no resto de España”, reflexiona.

Parte do éxito radica tamén probablemente en que esta cita é un proxecto comunitario. “Non vén de arriba, nin é un mercado que monte unha empresa. É algo no que todo o mundo participa, persoas de todas as idades e distintos sectores, e iso dálle unha forza especial, xunto co feito de que se desenvolva nun escenario que en parte é realmente romano”, engade. Unha forza especial que non ha acabar –agoira– con outra cita luguesa de gran popularidade e centenaria: o San Froilán. “Unha non vai substituír a outra, pero as festas do San Froilán relaciónanse co tradicional. O Arde Lucus é outra cousa, un caso moi excepcional entre todas as festas de recreación histórica”, conclúe.

A Festa da Istoria de Ribadavia
Outra festa de recreación histórica de enorme popularidade é a da Istoria de Ribadavia, con raíces ben diferentes á luguesa. Tal como se coñece na actualidade, botou a andar en 1989, cando a Escola Obradoiro Santo André decidiu retomar cun novo xeito unha vella tradición que deixara de celebrarse en 1868. “A celebración orixinal consistía nunha representación, incluída nas festas da Virxe do Portal, baseada nun capítulo da Biblia que narra a loita entre hebreos e filisteos”, lembra Anselmo López Carreira. A cita, organizada coa participación de centos de persoas voluntarias, representa un pasado medieval no que a pegada xudía ten un peso importante, debido a unha interpretación documental errónea que levou a comezos do século XX a sobredimensionar a presenza hebrea en Galicia, sostén o historiador.

A confusión parte da lectura dunha crónica do século XIV que se afianzou a comezos do século XX. “Nunha das crónicas de Jean Froissart fálase da toma de Ribadavia por parte do duque de Lancaster. O autor di que nun día se produciron 1.500 mortos, e que entre eles había moitos xudeus. Pero tal e como está redactada algúns interpretaron que os 1.500 eran xudeus, unha presenza elevada que en realidade non había en ningunha cidade galega, alén de que a propia cifra sexa esaxerada. A partir desta interpretación equivocada, recollida por Leopoldo Meruéndano en Los judíos de Ribadavia (1914), reinventouse o carácter xudeu da vila”, prosegue Anselmo López Carreira. “E disto pasouse dunha representación dunha pasaxe da Biblia á representación dunha parte da historia do pobo xudeu”, conclúe.

O historiador apunta ademais que a imaxe de Ribadavia como unha localidade con potente tradición xudía non atopa tampouco sustento nos restos materiais nin inmateriais. “Sábese que había unha rúa na que na Idade Media viviron xudeus, tamén que había unha sinagoga, un tipo de edificio que daquela era moi pequeno, e logo coñecemos tres nomes de xudeus”, detalla. Pero alén do que diga a historia, a Festa da Istoria é todo un éxito. A finais de agosto, Ribadavia recibe máis de 70.000 persoas nun encontro que foi declarado Festa de Interese Turístico Nacional xa en 1997. “Ten un éxito de público tremendo e un valor lúdico e económico que non se pode negar, e ben está”, conclúe.