O coordinador do Seminario de Lexicografía e director do Dicionario, o académico Manuel González, explica na Tribuna de academia.gal o porqué desta escolla fronte a empoderamento. "A necesidade de velar para que o galego teña capacidade para expresar con voz propia calquera tipo de realidade levou á RAG a reformar a entrada apoderar e a incorporar apoderamento para dotalas dos novos significados chegados desde o inglés e que responden a unha nova realidade social no avance cara á igualdade e a corresponsabilidade de todas as persoas e grupos sociais", conclúe o catedrático de Filoloxía Románica.
O termo inglés empowerment vinculado ao ámbito do feminismo foi proposto nos anos 80 do século pasado pola rede de grupos de mulleres DAWN (Development Alternatives with Women for a New Era) "para referirse especificamente ao proceso polo que as mulleres acceden ao control dos recursos materiais e simbólicos e reforzan as súas capacidades e protagonismo en todos os ámbitos", recorda Manuel González. No ámbito lingüístico, fronte ao que acontece en linguas como o portugués ou o italiano, en galego o préstamo íntegro do inglés, empowerment, apenas tivo uso, nin se rexistrou unha posible adaptación fonética como podería ser empovermento. Mais, debido especialmente á influencia do castelán, veuse empregando con frecuencia o calco empoderamento. Outras alternativas de idiomas da nosa contorna son, no caso do catalán, apoderament (aprobada polo Termcat) ou, no do francés, autonomisation (Journal officiel du 18-12-2005), detalla.
Pero por que é apoderamento a mellor solución para a nosa lingua? "O galego tradicional non coñece un verbo empoderar, que si existe en castelán, aínda que con pouco uso, desde a época medieval. Pero posúe o verbo apoderar, da mesma familia ca o inglés empower, e con practicamente os mesmos significados tradicionais ca este ('autorizar' ou 'dar poderes', 'capacitar' e 'superar en forza ou intensidade'), e posúe igualmente un substantivo derivado apoderamento, cos mesmos significados tradicionais do inglés empowerment. Por iso parece máis axeitado para a lingua galega adoptarmos para esta nova acepción aparecida no inglés to empower e empowerment as denominacións tradicionais galegas apoderar e apoderamento", xustifica.
Outra deriva semántica no mundo empresarial
Alén do significado referido ao proceso de facer forte un individuo ou grupo social desfavorecido, o Dicionario da RAG tamén incorporou entre as acepcións de apoderar e apoderamento outra deriva semántica de empowerment relacionada co mundo empresarial, aquela que se refire á delegación de poder de decisión nas persoas colaboradoras e subalternas para que se sintan máis implicadas e responsables nunha organización ou nunha empresa.