A RAG convoca estes premios ao abeiro do proxecto para o público infantil Primavera das Letras, en marcha dende 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A coordinadora da iniciativa, Fina Casalderrey, conduciu o acto, que contou coa participación da nai e a irmá de Luísa Villalta, María Gómez e Susana Villalta; e do alcalde de Sada, Benito Portela, un dos moitos alumnos da escritora que gardan un recordo inesquecible dela. Tamén asistiu unha representación do profesorado do IES Isaac Díaz Pardo, onde Luísa Villalta foi docente durante máis dunha década, e do alumnado de 1º da ESO, que o ano pasado participou dende o CEIP Sada y sus Contornos nas actividades premiadas hoxe.
Fina Casalderrey salientou a importancia que ten para a RAG un proxecto que procura o contacto directo coa rapazada co propósito de contribuír á promoción da cultura e da lingua galegas entre as novas xeracións. “Na Academia somos conscientes de que a Primavera das Letras sodes vós, os nenos e as nenas que, da man das familias e dos mestres e mestras, ides descubrindo a lingua galega, ese valioso herdo que nos singulariza como pobo”, expresou a académica. “Loamos, pois, os docentes vocacionais que terman da lingua, mesmo cando sopran ventos pouco favorables, como fixo a propia Luísa Villalta”, agradeceu a un auditorio que se encheu con máis de douscentos cativos e cativas.
En representación do CEIP de Sada y sus Contornos tomaron a palabra tres estudantes que sinalaron que a súa comunidade educativa recibiu o premio “por facer... o que hai que facer, poñendo o mellor de nós na celebración do noso día, o Día das Letras Galegas”. “Nós, como galegos e galegas, temos o deber de defender, de impulsar, de valorar e de gozar co tesouro que é a nosa lingua”, concluíron. Na mesma liña, o director Andrés Saavedra subliñou que o galego “serve para unir, compartir, sentir e, en definitiva, tomar máis conciencia do que somos”. “Somos, entre outras cousas, a nosa lingua, e esta é o noso símbolo de identidade e de pertenza”, engadiu.
Bandas deseñadas sobre Luísa Villalta, unha entrevista radiofónica a exalumnos da autora e un festival do 17 de maio foron parte das propostas para as Letras Galegas 2024 do CEIP Sada y sus Contornos. O alumnado levou ademais á escena unha adaptación de Violino, inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, a historia escrita por Ana María Fernández e o académico correspondente Xoán Babarro para Primavera das Letras, contando con Óscar Villán como ilustrador. A primeira representación teatral celebrouse con motivo da presentación da última edición deste espazo dixital da Academia.
Música e xogos
A rapazada do CEIP da Espiñeira-Aldán tamén reivindicou o idioma a través da música, animando o público a cantar unha adaptación da canción “Terra” das Tanxugueiras titulada “Fálame en galego”. O colexio cangués desenvolveu o pasado curso unha completa proposta que consistiu en sete obradoiros, cada un nomeado coa nota do pentagrama, en referencia á faceta musical que sempre acompañou a Villalta, e dedicouse a profundar na súa vida e obra, así como a promover o uso do galego con iniciativas como o devandito tema musical.
Dende o Colexio Fogar Santa Margarida recolleron o premio cinco alumnos e alumnas que resumiron as actividades celebradas neste centro coruñés con motivo das Letras Galegas de Luísa Villalta. “Unha das que máis éxito tivo foi a Xincana Luísa Villalta, cunha serie de xogos e pasatempos. Por outra parte, seguido o exemplo do admirado profesor Lois Aldegunde e do alumnado do CPI dos Dices (Rois), varios centros asociados en Escolas Católicas decidimos levar adiante un proxecto que denominamos A Coruña de Luísa Villalta, un vídeo documental sobre a figura vital e literaria da escritora coruñesa”, explicaron.
O exemplo de Luísa Villalta como docente comprometida co idioma galego e a súa transmisión á xente nova foi resaltado en distintas intervencións. Refereriuse a el na apertura do acto Fina Casalderrey e salientouno tamén Benito Portela, que animou o profesorado, e a sociedade no seu conxunto, a imitala e “seguir sementando futuro para a nosa lingua”. “Para Luísa, dar clase era moito máis ca a lección de cada día, era deixar pegada no alumnado e facer co ensino mellores persoas”, engadiu na mesma liña Susana Villalta, encargada de pechar o acto. “Que Luísa forme parte de vós, de todos e todas, é unha grande emoción e orgullo para nós”, concluíu.
A celebración rematou coa interpretación colectiva de “Lingua guapa”, a canción con letra composta por Fina Casalderrey que tamén lle dá nome a unha das sección de Primavera das Letras e no que se inspira o título da ficción A orixe da nosa lingua guapa, o filme da RAG protagonizado polos nenos e nenas do CPI Santa Lucía de Moraña, no que se explica como naceu o idioma de Galicia.