O alumnado de Cerceda dálle a benvida á Primavera das Letras levando cara ao futuro a lingua das cantareiras

A Real Academia Galega abriu hoxe no CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda a nova edición do seu proxecto para o público infantil Primavera das Letras. O alumnado de 5º e 6º de primaria do colexio protagonizou a estrea d'As Ferreñas (en vivo e en directo) na que foi a primeira celebración da institución con motivo das Letras Galegas 2025 que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral. Paula Carballeira é a autora deste divertidísimo texto, dispoñible xa en primaveradasletras.gal, nunha edición ilustrada por Nuria Díaz que se acompaña das primeiras actividades interactivas que complementan a proposta.

1/25

“Hoxe estreamos a Primavera das Letras 2025, coma quen inaugura unha fermosa ponte. Unha ponte máxica, feiticeira, que comunica a RAG coas nenas e nenos dos colexios de infantil e primaria de toda Galicia”, expresou a académica Fina Casalderrey, encargada de conducir o acto. A responsable do proxecto que se desenvolve co apoio da Deputación da Coruña e mais o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradecéronlles a todos os membros da comunidade educativa a xenerosa colaboración na presentación dunha iniciativa que pretende ofrecer recursos lúdicos e didácticos que faciliten tanto que os nenos galegofalantes sigan empregando con normalidade o idioma coma a incorporación á lingua dos que non o son.

Cerceda é un dos tres puntos destacados da gran festa da cultura galega deste ano. Na aldea da Vila da Igrexa deste concello da comarca de Ordes naceron e viviron gran parte da súa vida Adolfina e Rosa Casás Rama. Tía e sobriña son dúas das cantareiras nas que a RAG personifica a conmemoración do vindeiro 17 de maio canda Eva Castiñeira, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).

A través delas, a Academia quere recoñecer “as voces de tantas mulleres que ao longo dos séculos foron as principais creadoras e transmisoras das cantigas, e con estes versos tamén da lingua”, salienta o presidente. Víctor F. Freixanes pon o acento en como esta tradición segue viva e se proxecta cara ao futuro grazas ás novas xeracións de creadoras e creadores como Mercedes Peón, as Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Cassandra, Baiuca ou Mondra. “A nosa é unha cultura popular vizosa que segue a medrar e explorar novos camiños con voces que renovan o canto e a nosa dignidade. Novas voces que, dende a alegría que significa expresar o que sentimos coa palabra e a música, son aliadas especiais na grande empresa colectiva que temos por diante: devolverlles o noso idioma aos nenos e nenas que aluman o futuro”, engade.

As Ferreñas e as Cantareiras das Letras: un diálogo que acaba en futuro
Esa conexión entre onte e hoxe é precisamente a cerna d’As Ferreñas, un texto que é teatro, pero tamén radio, poesía “e moitas outras cousas”, define Paula Carballeira. A obra protagonízana o grupo de mociñas que lle dan nome e mais as sete Cantareiras das Letras. “Quixen establecer un diálogo entre o pasado e o presente, que sempre acaba en futuro, darlles vida escénica ás cantareiras que homenaxeamos”, detalla a autora, galardoada en 2023 co Premio Nacional de Literatura Dramática. E para iso emprega, entre outros recursos, coplas, piques e réplicas áxiles e divertidas arredor dun programa de radio, unha escolla que permite o protagonismo das voces, dos ritmos e da evocación, xustifica.

Nuria Díaz tamén procurou que o seu traballo fose “divertido e vibrante, que conectase cos nenos de hoxe”. “Poder ilustrar as cantareiras foi unha maneira de achegarme ao seu legado, paréceme importante ser quen de trasmitir este coñecemento ás rapazas e aos rapaces por medio do texto de Paula e as miñas ilustracións”, comparte.

O orgullo dos netos e netas de Adolfina e Rosa e de toda Cerceda
O deber colectivo de traballar para lles transmitir a lingua das cantareiras ás xeracións vindeiras no que incidiu o presidente da RAG repetiuse ao longo das intervencións da presentación da última edición da Primavera das Letras. “O galego é unha lingua guapa, e máis guapa aínda soa nas vosas voces”, díxolles tras a representación teatral Fina Casalderrey aos pequenos e pequenas de Cerceda que ateigaron o ximnasio do colexio, lembrando o nome da sección da web do proxecto que vai máis alá da celebración do 17 de maio, “Lingua guapa”.

Na mesma idea insistiu nun emotivo discurso Felicidad Casás López en nome dos netos e nenas de Rosa e Adolfina Casás. “Elas foron cantareiras e pandereteiras. Forman parte desa familia de mulleres que coas súas mans e coa súa voz gardaron e transmitiron a nosa historia, a nosa identidade, a nosa lingua. A súa música non era só festa; era resistencia, era amor pola terra, era orgullo de ser galega. E este ano no Día das Letras Galegas, celébrase o que elas representaban: a forza da tradición e da cultura popular”, reflexionou. “Agora somos nós os que temos a responsabilidade de transmitírllelo ás novas xeracións. De ensinarlles a amar a nosa lingua, a nosa música, a nosa historia. Porque a lingua é a raíz que nos sostén, o fío invisible que une o pasado co futuro. Eu, desde a aula e desde a vida, quero seguir ese camiño, levando con orgullo as súas voces e o seu exemplo”, engadiu Felicidad Casás, mestra de infantil de profesión.

A interveniente en representación da familia Casás concluíu a súa intervención dándolles as grazas a todas as mulleres que, coma a súa avoa e a súa “madriña”, fixeron e fan posible “que Galicia siga cantando, soñando e medrando”.

A directora do CEIPP Celso Emilio Ferreiro, Silvia Betanzos Tajes, abriu o acto expresando en nome da comunidade educativa o orgullo que esta sentiu hoxe ao homenaxear a Adolfina e Rosa Casás e, a través delas, as mulleres cantareiras e tocadoras que retrataron un pobo “que loitaba por saír cara adiante”. Nun discurso no que foi debullando distintos motivos polos que se sentir orgullosa, a mestra incluíu o feito de empregar decote “o idioma da nosa terra”, e evocou a figura de Dorothé Schubarth, quen aprendeu a lingua galega para inmortalizar voces como as de Rosa e Adolfina. A etnomusicóloga suíza gravounas na Vila da Igrexa a comezos dos anos 80 e incluíu as coplas que cantaron para ela no Cancioneiro Popular Galego, editado nos anos 80 coa colaboración do académico Antón Santamarina.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, referiuse ademais ao “grande orgullo” que sente a localidade pola decisión da RAG de renderlles homenaxe a Rosa e Adolfina Casás canda as outras cinco cantareiras. “Esta é a primeira vez na historia en que algunha persoa do noso concello, neste caso dúas, van ser recoñecidas no Día das Letras Galegas. Estamos moi contentos e satisfeitos, é un fito histórico”, recoñeceu. 

O acto tamén contou coa asistencia da inspectora de Educación Concepción Aramburu Sánchez, familias do alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro e unha representación da comunidade educativa CPI O Cruce de Cerceda, entre outros.

Elenco
A posta en escena d’As Ferreñas foi posible coa implicación especial de todo o alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIPP Celso Emilio Ferreiro. A interpretación dos papeis das Ferreñas e das Cantareiras das Letras correu a cargo de Katia Canedo Pombo, Clara Castro Rama, Sira García Loureiro, Noa Pallas Amado, Valeria Pereiro Rodo, Alicia Aboy Juncal, Aitana Calviño Naveira, Noa Costa López, Lara Fraga Barbeito, Daniela García Fraga, Nerea González Dubra, Noa González González, Camila Victoria Palermo Díaz e Marta Regueiro Bértoa.