A Real Academia Galega pretende reflexionar con estas xornadas sobre o que motiva a aparición destas e outras festas que teñen en común a reconstrución de feitos históricos máis ou menos remotos, sobre o proceso social e cultural que as explica o sobre o asentamento e a relevancia que teñen para a proxección da historia no espazo público.
Os encontros toman prestado o seu nome da expresión popularizada polos historiadores Eric Hobsbawn e Terence Ranger na obra homónima A invención da tradición, editada por primeira vez en 1983 e convertida nun clásico. Os estudosos británicos sinalan nestas páxinas o interese específico que teñen para os historiadores as tradicións inventadas, que “normalmente intentan conectarse cun pasado histórico”.
“A historia é algo máis ca un asunto erudito que se fai nos arquivos e nas bibliotecas. Tamén pode estar na rúa, e incluso pode ser transformada popularmente, non sempre de forma rigorosa, pero esta non é a cuestión que nos importa nestas xornadas”, apunta o coordinador do programa e director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares. “O que nos interesa é interrogarnos sobre como é vista e resignificada a historia na actualidade. Preocuparnos por estas festas que apelan a unha tradición, pero que non son tradicionais, é tamén unha forma de educar, de chamar a atención sobre o feito de que a historia serve para entender non só o presente, senón o futuro a través do pasado”, engade.
O vicesecretario da RAG, Lourenzo Fernández Prieto, moderará a sesión do vindeiro mércores, que a Real Academia Galega celebra coa colaboración do Concello de Vigo, a Fundación Penzol, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.