Noriega Varela e Teixeira de Pascoaes

O 19 de outubro de 1869 nacía en Mondoñedo Antonio Noriega Varela, o "poeta da montaña". Estas liñan ilustran a súa estreita relación co poeta portugués Teixeira de Pascoaes.
Imaxe da cabeceira do Aurora do Lima
Cabeceira d´A Aurora do Lima do 30 de marzo de 1923


Antonio Noriega Varela (1869-1947), membro numerario da Real Academia Galega e protagonista do Día das Letras Galegas de 1969, é un dos escritores galegos máis intimamente ligados coa literatura portuguesa. Un dos testemuños máis evidentes desta afección foi a súa longa relación epistolar e de amizade co poeta lusitano Teixeira de Pascoaes, de nome completo Joaquim Pereira Teixeira de Vasconcelos (1877-1952), admirado tamén por Otero Pedrayo e por gran parte da intelectualidade galeguista do primeiro terzo do século XX.

A poderosa ligazón entre intelectuais galegos e portugueses naquela altura manifestábase, tamén, na fraterna relación que mantiñan o Instituto Histórico do Minho e a Real Academia Galega, visible no nomeamento recíproco de numerosos académicos correspondentes, e no especial seguimento que o xornal A Aurora do Lima, de Viana do Castelo, facía da actualidade política e cultural galega.

No número que reproducimos aquí, do 30 de marzo de 1923, publícase o poema "Huraño Sino", de Noriega Varela, dedicado a Teixeira de Pascoaes. O autor portugués correspondería o xesto publicando, no mesmo xornal, o 13 de xullo de 1923, o poema titulado "De min", que se pode descargar aquí. Alén do poema de Teixeira de Pascoaes, o número do 13 de xullo d´A Aurora do Lima constitúe un verdadeiro monográfico sobre a figura de Rosalía de Castro, da que se celebraba o seu 38 cabodano naqueles días.