Imaxe dun acio nos murais de Santa Eulalia de Bóveda
Na segunda metade do século XIX asolaron os viñedos do país tres pestes que supuxeron unha verdadeira ameaza para a súa diversidade.
A primeira delas foi o oídio, un fungo que afectaba sobre todo ás follas da planta e que apareceu contra a década de 1850 na comarca ourensá de Trives, desde onde se espallou por toda Galicia. Neste artigo do catedrático de Química da universidade compostelá, Antonio Casares (Monforte de Lemos, 1812-Santiago de Compostela, 1888), publicado en La Esposición compostelana en 1858, o eminente científico recomenda, como remedio contra a praga, o sulfatado de xofre en po sobre as vides afectadas.
Mais as doenzas que habían decimar as hortas vinícolas galegas aínda estaban por chegar. Por volta de 1885, aparecía en Pontevedra o mildio -do inglés mildew- un balor que afectaba non só ás follas, senón tamén ao interior do tronco e o froito. Contra este mal empregouse, con bo resultado, o mesmo método de sulfatado de derivados do xofre que se utilizara contra o oídio. No libro de José Ricarte, Instrucciones prácticas para conocer y combatir el mildiu y enfermedades de la vid, publicado en Pontevedra en 1893 e que se pode consultar aquí, analízase a etioloxía desta peste.
Aínda así, a peste máis daniña para as nosas vides foi a filoxera. Este pulgón procedente de América desembarcou literalmente en Europa na década dos setenta do século XIX, e chegou ao sur de Galicia vinte anos máis tarde desde Portugal. A pesar dos moitas tentativas, a ciencia da época non deu atopado outra solución a este mal que non fose a substitución das cepas autóctonas afectadas por outras procedentes da América, e practicamente inmunes ao andazo, sobre as que se enxertaron, nuns casos, variedades autóctonas de uva, e noutros moitos, variedades foráneas moito máis produtivas, aínda que de calidade máis cativa, como foron o tempranillo e o famoso catalán. No seu libro La Filoxera, publicado na Coruña en 1879, e que se pode consultar aquí, o catedrático de Historia Natural, Tomás Rico Jimeno, estuda as características biolóxicas do insecto, a xénese da súa difusión por Europa, e confesa tamén a súa incapacidade para achegar unha cura para a peste.
Despois desta invasión das variedades foráneas propiciada polas pestes, o proceso de recuperación dos cultivos galegos orixinais –as chamadas cepas vellas- foi lento pero constante. Nel participaron, ademais dos técnicos e enólogos especializados na materia, os intelectuais galeguistas da época, desde Otero Pedrayo e Cabanillas, ata, máis tarde, Álvaro Cunqueiro, o noso grande escritor culinario. Pero a estima polo viño no noso país vén de tempos remotos, como podemos comprobar neste testamento de 1317.
Nota: parte da documentación empregada nesta nova foi tirada do libro de Xavier Castro, A rosa do viño: cultura do viño en Galicia (Galaxia, 2010).