Tribuna

No Día Europeo das Linguas

A semana pasada o Parlamento español acordou modificar o seu regulamento para recoñecer a diversidade lingüística da cidadanía e incorporala ao seu funcionamento ordinario, oficializando o uso do galego, o catalán e o éuscaro no seu seo e prevendo os medios para convertelo nunha práctica normalizada. Trátase dun avance moi significativo, sobre todo nos planos simbólicos e da visibilidade pública, cara a un Estado que asuma integralmente o pluralismo lingüístico dos pobos que o compoñen e a igualdade de todos os cidadáns falantes das diversas linguas españolas, así denominadas na propia Constitución.

As dereitas opuxéronse a esta medida, mais é de esperar que, como aconteceu no caso doutros avances nos dereitos civís (desde o divorcio ao matrimonio igualitario), co paso do tempo o recoñecemento do galego e das outras linguas se converta nunha realidade irreversible e se estenda con naturalidade a outras institucións do Estado, mesmo a ese bastión da resistencia á normalización dos idiomas cooficiais que é a Administración da Xustiza.

Os deputados e deputadas galegos de todos os partidos teñen ante si a oportunidade e a responsabilidade de facer uso do dereito e empregar acotío no Parlamento español a lingua do país, contribuíndo a visibilizala ante a cidadanía española monolingüe, o que resulta moi conveniente para formar esta na aceptación do plurilingüismo.

O seguinte desafío para o recoñecemento institucional do galego sitúase un chanzo máis arriba, no marco europeo. O Goberno español presentou ante a Comisión da UE a solicitude para converter o galego, xunto ao catalán e o éuscaro, nunha lingua oficial das institucións da Unión. Estas, nomeadamente o seu Parlamento, teñen unha longa experiencia no funcionamento plurilingüe, mais ata o presente a política lingüística da UE se vén fundamentando no emprego oficial unicamente das linguas oficiais dos Estados membros, linguas que neste momento son vinte e catro. Dez destes idiomas teñen menos de sete millóns de falantes, e cinco deles son falados por menos de catro millóns de persoas. O maltés conta con aproximadamente medio millón de falantes, o estoniano cun millón, o letón con dous e o lituano con tres. Tendo en conta estas cifras, resulta dificilmente defendible, tanto deste o punto de vista europeo como desde o dos cidadáns e as cidadás da Unión, que os arredor de sete millóns de persoas que falan catalán/valenciano, dous millóns que falamos galego e setecentas mil que falan éuscaro non vexamos recoñecidos os nosos idiomas. 

Esta situación entra en flagrante contradición non só cos nosos dereitos, senón cos principios de igualdade de dereitos e de defensa da diversidade lingüística e cultural que se atopan na cerna dos valores que inspiran a construción europea. Valores estes que, precisamente, son exaltados no Día Europeo das Linguas, que se celebra o 26 de setembro. Parece de elemental xustiza que a solicitude do Goberno español, cun percorrido máis ou menos longo, complexo e gradual, remate co recoñecemento do galego como lingua plenamente oficial da Unión Europea. 


 

Henrique Monteagudo