Tribuna

No centenario do Seminario de Estudos Galegos

Non se poden entender as orixes e significado desta exemplar institución da nosa cultura sen dirixir previamente unha mirada cara á época que lle tocou vivir. O Seminario de Estudos Galegos naceu en 1923 cando o mundo das letras, as artes e as ciencias estaba a vivir unha convulsión case total dos seus alicerces. Os relativismos e as teorías cuánticas devolvíanlle os interrogantes ao coñecemento do mundo e da materia e a súa interpretación artística e literaria tentaba atopar vieiros nunca transitados mediante o pluriforme movemento das vangardas. Galicia xa non era ese afastado recanto do mundo, illado ideoloxicamente e centrado sobre si mesmo, senón que estaba aberta a todas estas novidades ideolóxicas, que sobre todo nos máis mozos conseguían unha acollida cálida e entusiasta. Pero tamén, Galicia estaba a vivir a súa propia revolución cos movementos rexionalistas, primeiro, e nacionalistas despois, que amosaban e defendían que tiña unha personalidade propia, había tempo durmida, pero que agora estaban a tentar recuperar.

Nesta amálgama de sentimentos e reflexións un grupo de nove mozos universitarios tiveron a ousadía de poñer en marcha unha nova institución na que tivese acollida esa vontade de restauración do máis noso e, sen perder de vista as súas ancestrais orixes, utilizase sen complexos os métodos e o rigor analítico que a súa formación académica lles estaba a demandar. Contaron co asesoramento de Cotarelo Valledor, mestre universitario, cunha mentalidade aberta a todo o mundo do coñecemento, sen exclusión de ningunha das “dúas culturas”, a científica e a artística-literaria, e cun actual e nidio entendemento dos camiños que se deberían transitar. O Seminario, cun nome que xa estaba a adiantar a modernidade das súas intencións, puxo en marcha desde o primeiro momento un abano de iniciativas e proxectos que se concretaron xa desde o seu nacemento na diversidade das Seccións, e tiña unha inquebrantable vocación de futuro e de confianza no seus métodos (esas emblemáticas “fichas” destes primeiros tempos).

Entenderon axiña o valor desta iniciativa nomes, xa consagrados, do galeguismo como Otero Pedrayo, Castelao ou Cuevillas que, segundo a coñecida expresión do egrexio rianxeiro, coma o Isaías do Pórtico da Gloria “ven en vós gran lús”, se integraron como un máis no Seminario, constituíndo un “xuntoiro” (segundo a coñecida expresión de Filgueira) de tradición e modernidade que, ancorada con afouteza na terra, tiña como horizonte todo o que de novo e prometedor anunciaban os tempos que estaban a vivir. Seguíronlles moitos nomes de xente moza e doutros que tiñan xa unha traxectoria consolidada en postos de responsabilidade en Galicia, ata constituír unha nómina que chegou a superar amplamente as duascentas persoas. As súas realizacións foron moitas e moi diversas nos distintos campos do coñecemento, que ían tanto desde o traballo científico, as xeiras de investigación no campo, ata os cursos de extensión cultural e as publicacións divulgativas.

Foron apoiados por institucións como deputacións, algúns concellos e, como sempre, pola emigración americana, que, aínda así, non conseguiron que o Seminario saíse da indixencia orzamentaria (4.000 ou 5.000 pesetas anuais, nos mellores tempos) polo que, para levar adiante, con moitas dificultades, proxectos como os laboratorios  tiveron que depender da acollida incondicional doutras institucións como a USC. 

Cando o Seminario de Estudos Galegos estaba a conseguir unha valoración certa pola sociedade galega e un prestixio apoiado nas súas realizacións e proxectos, pero sobre todo no seu capital simbólico, a guerra civil veu coutar de raíz este esperanzado e vizoso agromar. Hoxe, cen anos despois da súa creación, o seu exemplo debería seguir a estimular ese alento de preocupación polo noso que todo proxecto de investigación, científica ou literaria, debería contemplar. As ciencias, as artes e as letras, certamente non deben ter fronteiras, pero tampouco deberían esquecer que un traballo cunhas raíces ben asentadas, como fixo o Seminario, é tamén unha fonte orixinal e indiscutible do saber. 


 

Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Académico de número