Monforte recorda a Manuel María e a súa "nave espacial" Xistral

Monforte de Lemos acolleu hoxe unha nova homenaxe ao seu fillo adoptivo e protagonista do Día das Letras Galegas de 2016. Foi un acto cheo de versos do propio Manuel María, parte deles dedicados á localidade na que viviu, desde 1958, durante varias décadas; cheo tamén de recordos da amizade compartida e, como non, de lembranzas arredor da libraría Xistral, auténtico espazo de difusión e resistencia cultural que creou xunto a Saleta Goy. No encontro musical e literario, organizado pola Real Academia Galega e o Concello de Monforte, membros da RAG, veciñanza e amigos compartiron a palabra para honrar "o poeta do encontro". Un escritor grazas ao cal hoxe hai máis lectores e lectoras de literatura galega, salientou Xesús Alonso Montero.

A académica Margarita Ledo trazou un dos retratos de Manuel María incluídos no programa da homenaxe. Na mesa, de esquerda a dereita, Antón Lopo, José Tomé, Xesús Alonso Montero e Lois Diéguez. Autor: RAG


Patricia García, Sara Blanco e Antía Vila, alumnas do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez, abriron o acto coa "Suite Haendeliana" e Aldara Otero pechouno cunha peza de Bach ao violín. A celebración intercalou outra composición interpretada polo dúo de saxofóns dos seus compañeiros Santiago Alonso e Lucía Amaro; as palabras sobre o homenaxeado da académica Margarita Ledo, do xornalista e escritor Antón Lopo, do escritor Lois Diéguez e do tamén seu amigo Manuel Rajo; e recitados a cargo dos académicos Fina Casalderrey e Salvador-García Bodaño, e de estudantes dos institutos da localidade. García-Bodaño deu lectura a dous poema da súa autoría dedicado ao poeta e á súa dona, "Evocación dos primeiros versos" e "Versos a Saleta", mentres que Casalderrey e os estudantes Uxía Esmeralda Casabianca (IES Daviña Rey), Iago Díaz (IES Río Cabe), e Sabrina Pérez (IES A Pinguela) declamaron as poesías de Manuel María "Poema contra o silencio e "Oda á beleza da palabra", "Canción de amor ao Val de Lemos", "A fala" e Galicia", e "A cidade de Monforte de Lemos".

Nas súas palabras de benvida, o alcalde, José Tomé, repasou momentos da biografía literaria e persoal de Manuel María, de quen lembrou tamén o seu paso polo Concello de Monforte como edil. "Hoxe estamos aquí para homenaxear o poeta chairego-monfortino e, eu diría, o noso poeta". O rexedor tivo tamén palabras especiais para a súa compañeira, Saleta Goy, a quen o público dedicou un afectuoso aplauso.


Alberte Ansede, Saleta Goy e membros da Academia seguindo, desde a primeira fila, o desenvolvemento do acto. Autor: RAG


O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, agradeceu ao Concello a iniciativa da homenaxe e asegurou que, se o 17 de maio foi o Outeiro de Rei natal de Manuel María a capital literaria do mundo, hoxe esa honra tena Monforte de Lemos. Alonso Montero salientou a enorme "capacidade comunicativa do poeta", capaz de chegar a un público moi diverso e conseguir novos lectores e lectoras para as nosas letras. "Cando a Real Academia Galega decidiu designalo protagonista do Día das Letras Galegas de 2016, non só o fixo en recoñecemento á categoría literaria do escritor polifacético, senón que coido que moitos académicos estaban pensando no que Manuel María ía facer polo seu nome, pero sobre todo pola literatura galega. Hoxe hai máis lectores de literatura galega que antes do 17 maio", afirmou.

Margarita Ledo realizou un retrato persoal do homenaxeado, a quen coñeceu en Monforte de Lemos a comezos dos anos 70. Con el compartiu momentos como o seu primeiro recitado en Xenebra sendo aínda moi nova, na sociedade A Nosa Galiza, ou paseos pola vila con el e Saleta Goy, que quixo rememorar.

Para académica, que empezou citando o discurso do autor para o ingreso na RAG en 2003, A Terra Chá, poesía e paisaxe, Manuel María representa, en singular, "a proba Ledo: "Manuel María asumiu a pertenza a un mundo que se chama Galiza como materia literaria, posición de clase e actitude ética" documental de que, no caso de nós, a poesía foi e é unha das cariátides que terma da nación desexada, esa nación que atravesa, con distintos rexistros, a obra do poeta", expresou evocando un dos libros de Manuel María (Proba documental, 1968). O escritor asumiu "a pertenza a un mundo que se chama Galiza como materia literaria, posición de clase e actitude ética" atravesando todos os escenarios: o de libreiro, o de editor, o de animador de encontros e faladoiros, o de concelleiro, "o da política nos anos de chumbo", engadiu.

Alén do labor poético, Ledo salientou a faceta de xenial articulista da que deixou constancia en máis de mil catrocentos pezas en revistas e xornais, exemplo "da súa teima divulgadora e da ansia por conversar e estar sempre, sempre, en contacto cos demais". Foi "o poeta do encontro", que exerceu de fonte de inspiración para unha moza coma ela que quería ser xornalista. "Amar a vida e que a vida te ame, verso dun poema musicado por Uxía, é ese sentido de pertenza a unha paisaxe en movemento cara si propio e non cara a emigración, un dos tema que sempre o mancou. Amar a vida e que a vida te ame é en Manuel o desexo de percorrer, unha a unha, cada parroquia, cada lugar, cada casa, cada sinal de nós que de modo maxistral deixou escrita na serie Andando a Terra", engadiu en referencia concreta á sección que mantivo durante doce anos n'A Nosa Terra.

A súa constante defensa do idioma, "a lingua mirrada por ese verme na mazá que o poeta denuncia en 1980 coas Coplas contra o decreto do bilingüismo", a creación da colección de poesía Val de Lemos ou a posta en marcha da libraría Xistral tampouco faltaron no perfil que foi trazando a académica.

Pero foi o escritor e xornalista Antón Lopo quen trasladou o público, co seu relatorio "Nave espacial Xistral", ata a libraría que Manuel María e Saleta Goy abriron en Monforte en 1970, que el empezou a frecuentar sendo aínda un neno. Lopo recordou o día que, xunto co seu amigo Jorge, entrou por primeira vez naquel "espazo branco, como a nave espacial da película de Kubrick que acababamos de ver no cine". A partir dese momento, non houbo día que os dous non pasaran por aquel "espazo interestelar". "Entrabamos na nave espacial Xistral con destino a eternidade", onde "sentimos que todos, absolutamente todos, podiamos ser astronautas". Alí Manuel María e Saleta inculcaron o amor á literatura a moitos mozos e mozas coma eles, creando unha auténtica universidade literaria, asegurou.

A figura da parella conforma unha referencia para Lopo, que en 1969 tivera o seu primeiro contacto coa literatura galega, sen coñecer aínda a Manuel María, a través d'Os soños na gaiola, saído do prelo cando a edición de libros infantís na lingua propia apenas sumaba uns poucos títulos. "Aquel libro permitiume ordenar con certa coherencia o caos lingüístico que me rodeaba (...). Todo o que vía un rapaz de dez anos estaba reflectido nel".

En Xistral coincidía a intelectualidade galega internacional, nun Monforte, o dos anos setenta, polo que transitaban Uxío Novoneyra, Ánxel Fole, Roberto Martínez Andrade, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Manuel Rivas ou Lois Pereiro, creando o lévedo "dunha verdadeira idade dourada na cidade". "A modernidade de Xistral residía na súa cualidade de reconstruír a historia desde unha Lopo: "A modernidade de Xistral residía na súa cualidade de reconstruír a historia desde unha perspectiva insólita para nós e, desde logo, negada no colexio, nos libros de texto e nas bibliotecas públicas" perspectiva insólita para nós e, desde logo, negada no colexio, nos libros de texto e nas bibliotecas públicas", subliñou Lopo. "Tratábase dunha historia que se escribía desde nós mesmos, desde aquí, e na que todos os membros da comunidade, dun xeito ou doutro, estabamos retratados, entendida a comundade como a nación galega".

Xistral deu tamén nome á editorial que acubillou a colección Val de Lemos, "o tesouro monfortino da literatura galega", na que publicaron os seus versos Xosé Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Lois Diéguez, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Xosé Luís Álvarez Pousa, Fiz Vergara Vilariño, Xosé Lois García, Bernardino Graña e o propio Manuel María; e ao selo discográfico Edigsa-Xistral, que tivo en Voces Ceibes os seus máximos expoñentes.

O escritor Lois Diéguez, que acompañou a Manuel María na súa aventura editorial, tamén escolleu a emblemática libraría para iniciar un "soño", un novo encontro co homenaxeado cheo de recunchos monfortinos. "Se Manuel María estivese hoxe, nestas portas do outono, connosco, atopariámolo na libraría Xistral a escribir outro libro de poemas con fondos de nostalxia, mentres Saleta atendería a xente. Paseariamos, despois de cear, polo Campo da Compañía, poal rúa do Cardeal. Ou, en domingo, iriamos ver os monumentos do románico de Pantón, Sober ou o Saviñao", iniciou.

No percorrido imaxinario tampouco faltaron os encontros coas amizades que o poeta fixo en Monforte de Lemos, e con algúns dos homes sinxelos e singulares, "os toliños", aos que sempre lles tivo cariño. Mais sobre "este pequeno mundo monfortino", Diéguez recoñeceu que para Manuel María estará sempre "O seu Macondo de nostalxias", Outeiro de Rei, a Terra Chá que o viu nacer e medrar. E sobre "o todo do todo vital", o país e o idioma, concluíu recitando os versos do poema "Galiza".

Manuel Rajo centrou, pola súa banda, a súa intervención na "bonhomía e humildade" do poeta, e tamén compartiu desde o escenario distintos momentos vividos con el e coa súa dona na libraría e outros espazos de Lemos.