Tribuna

Meandreiras e Tanxugueiras

1. A forma latina MĒLĒS, -ĬS designaba o mamífero carniceiro da familia dos mustélidos de pelo longo e espeso, agrisado no lombo, negro nas patas e no ventre, e abrancazado con dúas listas negras do fociño ata detrás das orellas, que vive en tobos profundos e ten costumes nocturnos. De MĒLĚ(M) debeu crearse en galego o termo mel, co e fechado, semellante a mel, co e aberto, do lat. MĚLLĚ(M), que designa a substancia doce e espesa que elaboran as abellas co néctar das flores e que tan gorentosa lle resulta ó devandito mustélido.

Sobre mel (animal) xerouse melandro, termo vivo no galego de Asturias, con mantemento do -L- intervocálico característico das falas eonaviegas, que se corresponde co asturiano melandru. No resto do dominio galego a forma primitiva tivo que ser meandro, que non se rexistrou no traballo de campo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) do Instituto da Lingua Galega da USC; pero está na base dos topónimos Meandreiras da parroquia de Ligonde (Monterroso), Miandreiras da parroquia de Moldes (Boborás)1 , Mendreira da parroquia de Marrube (O Saviñao) e Mendreiras da parroquia de Martín (Baleira), como se pode comprobar no Nomenclátor de Galicia2.

Meandreira (e variantes) orixinariamente sería un nome común para designar a paleira ou cova que servía de refuxio ou vivenda ó meandro. Segundo o Padre Sarmiento, en Galicia o sitio en que abunda ese animal chámase teixugueira e meandreira3. Ademais, relacionados co nome desa cova, na plataforma dixital Galicia nomeada4 figuran no concello lucense do Páramo os microtopónimos A Mandreira, O Penedo da Mandreira e o Rego da Mandreira; e tamén As Mandreiras en Triacastela e A Mendreira en Aldán-Cangas do Morrazo, referidos a nomes de terras.

2. O material inédito do ALGa correspondente a este mustélido permite ver que, agás na maioría das falas do Eo-Navia, as denominacións actuais do galego proveñen de TĂXŌ, -ŌNĬS, latinización tardía dun xermanismo. A forma teixón, do lat. TĂXŌNĚ(M), anotouse no Ortegal, no Golfo Ártabro (e puntos próximos como Betanzos ou Monfero) e nunha pequena área que abrangue Mazaricos, Carnota e o costado de noroeste da ría de Muros e Noia.

A retroformación teixo (homónimo da árbore conífera teixo, de procedencia latina) rexistrouse espallada polo dominio galego, formando unha área grande no sur de Lugo, no leste de Ourense e no Bierzo. O sintagma porco teixo, ás veces en concorrencia con teixón e teixo, recolleuse nun bo quiñón de puntos de Lugo e da Coruña, nalgúns do interior de Pontevedra próximos a estas provincias e nalgúns puntos do Eo-Navia.

O derivado teixugo é termo do galego do Barbanza, do Salnés, do centro-sur de Pontevedra, do occidente e centro-sur de Ourense e das falas portelás de Lubián e Hermisende. No Condado, no Baixo Miño e nalgún punto ourensán a denominación é tourón, que se corresponde tamén co nome doutro mustélido.

3. A paleira ou cova onde vive e se refuxia o teixugo denomínase teixugueira, termo que está na orixe de varios nomes de lugar: A Teixugueira en Cartelle, Salvaterra e Tui; As Teixugueiras en Cartelle e Moraña; e Xinzo das Teixugueiras en Cartelle.

A microtoponimia de Galicia nomeada está inzada de A(s) Teixugueira(s), sobre todo en concellos ourensáns e pontevedreses. A maioría designa nomes de terras ou de accidentes do terreo, pero tamén nomes de augas ou de vías. Así, en diversas parroquias do concello de Riós (sueste de Ourense) rexistrouse A Teixugueira para nomear terras, varias As Teixugueiras para accidentes do terreo, Regueiro das Teixugueiras e Camiño das Teixugueiras; e en Aldán-Cangas do Morrazo, a carón da citada A Mendreira para nome dunhas terras, existe As Teixugueiras como accidente do terreo e Río das Teixugueiras.

En galego, o ditongo ou pode evolucionar a on, como en Conso, lugar e parroquia de Vilariño de Conso, no canto de Couso, que se rexistra por toda Galicia. O ditongo ei pode evolucionar a en, como ocorreu en eixido, terreo de pouca extensión contiguo á casa onde adoitan cultivarse hortalizas que nalgún punto de Pontevedra e de Ourense se denomina enxido, sobre todo para a horta con mazanceiras. A denominación dun grupo de abellas que forman unha colonia, no material inédito do ALGa, é enxame (ou enxamio) en todo o dominio galego, mentres que o primitivo eixame só se anotou en Entrimo, na Limia Baixa.

No caso de teixugo e do derivado teixugueira non teño constancia de que no galego oral exista tenxugo e tenxugueira, pero si tanxugo e tanxugueira, co cambio en por an que se deu en formas como Entroido e Antroido.

4. En marzo do 2017, cando o grupo Tanxugueiras aínda non editara ningún CD, pero xa demostrara nas actuacións en directo que reunía tres mulleres moi virtuosas coa pandeireta e tres voces ben potentes, no Portal das Palabras da RAG e da Fundación Barrié dedicóuselle unha entrada5. Sobre a orixe do nome do grupo, elas mesmas contaron que “coñeceron a palabra porque era o nome duns campos aló na parroquia de Fumaces, no concello de Riós [sueste de Ourense], un terreo que estaba moi alto e o único ao que non ían dar os lobos”; e que “decidiron que ese sería o nome perfecto para un grupo de mozas que se xuntan por diversión e amor á música, moi lonxe do medo ou de calquera cousa que faga mal”.

No estudo da toponimia de Catoira de Gonzalo Navaza, na parroquia de Dimo menciónase A Tanxugueira como zona de arboredo; e na mesma parroquia dáse conta de catro microtopónimos As Tanxugueiras con cadansúa especificación (da Eira, Pequena, Grande, da Chan)6. Na outra banda do Ulla, no libro da toponimia de Dodro e de Laíño, Manuel Lorenzo recolleu Tanxugueira ó pe do Castro de Traxeito, e Teixugueira en Pexegueiro, que “son hoxe leiras labradías nas que criarían os animais coma as raposeiras son os tobos do raposo”7.

Cando en xullo do 1975 cubrín as enquisas do ALGa de Catoira (no lugar de Gondar, parroquia de Dimo) e de Dodro (no lugar de Vigo, parroquia de Dodro), nos dous puntos recollín teixugo para o animal co nome científico MELES MELES, en concorrencia con tourón en Gondar-Dimo. En marzo dese mesmo ano, na enquisa de Vilardevós (lugar, parroquia e concello), no sueste de Ourense, rexistrei tanxugo8, que é a única forma documentada no ALGa. O concello de Vilardevós estrema co de Riós, onde existe o microtopónimo As Tanxugueiras, pero queda moi lonxe dos concellos de Catoira e de Dodro onde descoñezo se as súas Tanxugueiras teñen como base tanxugo ou se a evolución se deu na forma derivada.

5. Despois de que Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro popularizasen en Galicia e en España (e tamén fóra de España) o microtopónimo Tanxugueiras, que foi, ademais, Palabra do Ano 2021 do Portal das Palabras9, xa non pode adiarse que no Dicionario da Real Academia Galega figure unha entrada co nome común teixugueira para a paleira ou cova onde vive e se refuxia o teixugo (e para o lugar onde abunda), que nos dicionarios modernos só ten entrada no Gran Xerais (2009) e no Estraviz en liña.

Sería ben que como sinónimo figurase tanxugueira, en honra das tres pandeireteiras que con tanto orgullo demostraron que non hai fronteiras nin para a lingua galega nin para a universalización da música enraizada na nosa Terra.

1 No lugar de Miandreiras de Moldes (Boborás), a veciñanza nova denomina teixugho o MELES MELES, termo que en xaneiro do 1975 rexistrei en xente maior na enquisa do ALGa no lugar e parroquia de Brués (Boborás); pero a veciñanza de máis de idade de Miandreiras usa o termo teixudo, que no ALGa só o recolleu Manuel González no lugar e parroquia de Dozón (Dozón), tamén en xaneiro do 1975, en concorrencia con teixo. Segundo a veciñanza dese lugar da parroquia de Moldes, o animal vive ou refúxiase nunha silveira ou nunha toxeira; pero pode facelo nun buraco debaixo destas plantas silvestres, que todos denominan toco (e non teixudeira nin teixugheira). Cando fai o refuxio contra os muros, algunha xente maior denomínao co castelanismo agalegado madrigheira, voz que “se parece á palabra Miandreiras”.
Animal de hábitos nocturnos, hoxe raramente se deixa ver por ese lugar de Boborás, mais pode acudir para apañar froita ou cenouras. Hai anos había teixudos no lugar, pois xente maior lembra que, cando ía á escola polos camiños de Miandreiras, se había cabazas dáballes unha patada e, ás veces, saían de dentro teixudos. O meu agradecemento a Reis Rodríguez, de Ferreiros (Entrimo), e a Pedro Lamas, de Miandreiras (Boborás), por me forneceren toda esta información os días 9 e 10 de abril do 2022.
6 Gonzalo Navaza: Toponimia de Catoira. Catoira: Concello, 2007, pp.146-147.
7 Manuel Lorenzo Baleirón: Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga. Dodro: Concello. Concellaría de Cultura, 2011, p. 286.
8 No dicionario da RAG non aparece tanxugo entre os sinónimos de teixugo, mentres que nos dicionarios Gran Xerais (2009) e Estraviz en liña tanxugo ten a súa entrada.

Francisco Fernández Rei
Académico de número