O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, trazou o perfil biográfico da premiada nun acto no paraninfo da USC presidido polo reitor Antonio López e no que tamén interviñeron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.
Víctor F. Freixanes louvou a traxectoria da profesora Ledo e salientou o traballo que desenvolveu na posta en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación, un “proxecto complexo e esixente” ao servizo da lingua galega que permitiu abrir un novo horizonte”. O reitor Antonio López referiuse na mesma liña ao feito de que este centro sexa o que conta cunha maior porcentaxe de docencia en galego, un feito que, considerou, ten que ver coa pegada da catedrática de Comunicación Audiovisual na xénese da facultade. “Santiago non sería o mesmo sen Margarita Ledo e o seu compromiso coa lingua”, engadiu a alcaldesa Goretti Sanmartín.