"Manuel María é integralmente radical coa tradición, o clasicismo e a innovación galega"

A partir de hoxe, academia.gal ofrece unha serie de miradas propias á vida e obra do protagonista do Día das Letras Galegas de 2016 en forma de respostas ao "Cuestionario Manuel María". O arqueólogo e membro da Real Academia Galega de Belas Artes Felipe-Senén López, amigo persoal do poeta, compañeiro de viaxes e autor de Andando a terra con Manuel María, é o primeiro en trazar o seu persoal retrato. Nel salienta a importancia da produción literaria do escritor de Outeiro de Rei, pero tamén o lado máis humano dun carismático "referente inesquecible". 
Felipe-Senén López (diante), con Manuel María,
Luz Pozo, Xulio López Valcárcel, Ernesto
Cardenal e Xavier Seoane en xuño de 1997

Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
A súa coherencia insubornable con canto supón Galicia. O seu humanismo galego como achega á universalidade.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Enxertar paisaxe e paisanaxe galega ante o acontecer, coidando clasicismo e tradicións literarias e innovando sobre elas. A súa Ítaca de ida e volta, a súa vara de medir o mundo é a Casa, Outeiro de Rei, a Terra Chá e Galicia.


Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Imborrable mentres Galicia exista: obra cantada, solicitado como poucos poetas, precisamente por ser integralmente radical coa tradición, o clasicismo e a innovación galega.

Que vixencia conserva a súa creación?
É vixente agora e sempre: se buscas a orixe, a orixinalidade, a identidade... Se buscas a Galicia, nel has de atopala... Entendo que é un clásico.

Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
Dende 1968 até o seu fin, mesmo como compadre, coincidente nunha fronte de sensibilización para enxergar canto supón a historia e a cultura de Galicia. Un carismático referente inesquecible, que sabía usar a retranca, a bonhomía, viaxeiro para tripar as pegadas dos pasos, buscar o locus amoenus dos seus admirados, Rosalía, Francis Jammes, Antonio Machado, Aresti, Torga, Otero Pedrayo...

Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
"A nai enche" (Ritual pra unha tribu capital de concello). É todo unha lección de esencias galegas, da Casa... que vencella moitas tradicións galaicoportuguesas.

"Viaxar é vivir"
Versos de Manuel María dedicados a Felipe-Senén López