Manuel González (Mazaricos, 1951) foi recibido como membro correspondente de Euskaltzaindia xunto aos outros dezaoito correspondentes nomeados no ano 2021, Libe Agirre (Meñaka, 1961); Eneko Barrutia (Bilbao, 1966); Eba Gaminde (Mungia, 1968); Pedro Maria Goikoetxea (Lezama, 1959); Nerea Mujika (Durango, 1960); Elixabete Piñol (Bilbao, 1965); Kike Amonarriz (Tolosa, 1961); Nerea Azurmendi (Legazpi, 1961); Asun Garikano (Tolosa, 1962); Aizpea Goenaga (Donostia, 1959); Oroitz Jauregi (Legorreta, 1974); Jon Sarasua (Aretxabaleta, 1966); Mixel Aurnague (Baigorri, 1963); Eneko Bidegain (Baiona, 1975); Itxaro Borda (Oragarre, 1959); Pantxoa Etxegoin (Jatsu, 1960), Marie-Andrée Ouret (Suhuskune, 1970) e Mikel Morris (Denver, 1957).
As relacións de Manuel González coa cultura vasca veñen de lonxe. No ámbito da sociolingüística, participou con entidades do País Vasco en diversos proxectos de investigación europeos, financiados a finais dos anos 90 pola Dirección Xeral XXII da Comisión Europea. Traballou con membros da Euskaltzaindia, especialmente co seu amigo Henrike Knörr, falecido prematuramente no 2008, na posta en marcha da Casa das Linguas, que foi presentada en 2005 co obxectivo principal de fomentar entre a poboación de todo o Estado español o coñecemento e aceptación da realidade plurilingüe da Península Ibérica, iniciativa na que estaban implicadas institucións lingüísticas e políticas de Galicia, Euskadi, Cataluña, Valencia e Baleares, amais do Instituto Cervantes, o Instituto Camões e a Universidade de Alcalá.
Manuel González participou con membros do IEC e de Euskaltzaindia na comisión que elaborou os puntos básicos para a redacción dunha Lei de linguas do Estado español entre os anos 2004 e 2005, e colaborou coa Euskaltzaindia e con outros organismos vascos en diversas iniciativas de xeografía lingüística, de lexicografía e de terminoloxía. Foi tamén o tradutor ao galego de Linguae Vasconum Primitiae, o primeiro libro impreso en lingua vasca, publicado en Bordeos en 1545, tradución que foi presentada no Parlamento Vasco o 3 de decembro de 2013, o Día Internacional do Éuscaro.