Tribuna

Manuel Antonio e a teoría da relatividade

Na Revista de Occidente (xullo-agosto do 2016) o escritor Vicente Luis Mora vén de publicar un artigo sobre "Einstein y la literatura. La metáfora de la relatividad y la relatividad de la metáfora", no que destaca o poema de Manuel Antonio "Pol-o revés dos ollos d'o arquiteuto" como un dos exemplos singulares da recepción poética da teoría da relatividade en España.

Esta teoría, como ben se sabe, enunciouse na súa versión especial en 1905, e na xeral, entre 1915 e 1916, pero sobre todo popularizouse a partir de 1919 cando foi confirmada polas observacións realizadas con motivo do eclipse de Sol que tivo lugar o 9 de maio dese ano. O feito de que a luz se curvase na proximidade do Sol pola acción da súa atracción gravitacional foi un dos seus efectos máis coñecidos que, traducido na linguaxe popular, se interpretaba como que a luz "tiña peso". Tamén as súas implicacións sobre os conceptos de "tempo" e "espazo" foron moi consideradas.

Estas teorías, que nos anos vinte do século pasado chegaron case a converterse nun fenómeno de masas, aínda que só uns poucos as chegaban a comprender cabalmente, cambiaron dun xeito radical a maneira de entender o mundo, xa que daban orixe a unha nova cosmovisión. A súa influencia fíxose sentir dun xeito radical e mesmo dramático no mundo da ciencia pero tamén chegou máis alá, pois filósofos e artistas atoparon nela unha fonte inesgotable de suxestións e recursos.

A teoría da relatividade chegaba nun momento decisivo para a literatura, no que as vangardas estaban a cuestionar as propias bases e tradicións da creación e do relato. O novo concepto achegado por Einstein sobre o espazo-tempo influíu na produción literaria, maiormente a partir da noción de "tempo", en relación coa cal se reinterpretaron as relacións tradicionais que tiña coa realidade: o seu fluír xa non era lineal e dependente dunha orde astronómica, podíase xogar con el, revertelo, amplialo, encollelo… Cada obra tiña a súa propia temporalidade. O creacionismo, movemento literario que acaudillou o chileno Vicente Huidobro, foi moi sensible a estas influencias, xa que os seus obxectivos de imaxinar poemas independentes da realidade, universos propios, crear como Deus novas existencias, manifestaban un forte paralelismo con esa realidade que nos transmitían as xeometrías non euclidianas onde nada era semellante ás apariencias do mundo dos sentidos e todo había que reinventalo de novo.

Manuel Antonio debeu tomar contacto coas teorías de Einstein nos primeiros anos da década dos vinte, cando na prensa e nas revistas españolas e galegas comezaban a ter unha resonancia cada vez máis forte os novos achados (Díaz-Fierros, 2017). Pero tampouco se pode esquecer o papel de mentor de Vicente Risco, a quen acudían os inquedos mozos galeguistas na procura de orientación e información sobre as últimas novidades culturais. De feito, varios autores (nomeadamente Varela Jácome, 1995) consideran que foi el quen o puxo en contacto coas novas correntes creacionistas e o animou a seguir por eses novos, e ata ese momento nunca transitados, vieiros da poesía.

Este coñecemento da relatividade fica ben claro nunha carta a Álvaro Cebreiro de abril de 1922, na que lle dicía que mercara algún libro para se "doutorar" nesas teorías, dos cales (se é que mercou varios) se conserva cando menos un na biblioteca do autor de Rianxo, que leva o Nº 17, e aparece referenciado como Einstein. Teoría da relatividade. Este título posiblemente lle corresponda á tradución que realizou Fernando Lorente de Nó en 1921 para a Revista Matemática Hispano-Americana do único traballo de divulgación que escribiu Einstein sobre a súa teoría (Über die spezielle und die allgemeine Relativitätstheorie, 1917) e que ao ano seguinte se editou como libro con grande éxito de vendas. Nesa mesma carta, despois de falar distendidamente e cunha certa sorna da relatividade, infórmao do seu interese por preparar unha conferencia sobre as relacións da relatividade coa pintura que agarda resolver "afirmativamente; pero pol-o d'agora non quero dicir nada en firme". Que se saiba, Manuel Antonio non chegou a dar esa conferencia pero só o interese que demostrou polo tema amosa o coñecemento ou intuición que tiña sobre as implicacións culturais da teoría da relatividade, xa que as súas relacións coa pintura son anteriores e quizais máis importantes que as que tivo coa literatura. As connotacións relativistas do cubismo, do futurismo e mesmo do surrealismo foron sempre temas importantes nas bases conceptuais destes movementos vangardistas.

Nesta época coincide tamén con dous compañeiros rianxeiros: Rafael Dieste e Otero Espasandín, que teñen en común con Manuel Antonio a súa preocupación pola literatura e, en xeral, coa cultura de vangarda, pero que sobre todo manifestan como detalle singular un interese especial polas ciencias matemáticas, especialmente a xeometría. Non sería difícil imaxinar que con estes compañeiros serían temas de conversa e discusión importantes os novos horizontes culturais que se estaban a manifestar coas teorías científicas que rachaban e deixaban arrombadas as tradicións máis arraigadas de occidente. De feito, Dieste, en carta de novembro de 1979 ao seu irmán Eladio, recolle en parte este ambiente cando lle lembraba que "siendo muy muchachos, me encontré con la sorpresa de que Manuel Antonio lo suponía así [que el espacio es limitado]", pero que despois puido persuadilo de que a realidade non se comportaba dese xeito e de que era "imposible concebirla sin el espacio".

Neste caldo de cultivo de lecturas e parladoiros no que as "dúas culturas" dialogaban con froito e paixón debeu ser onde se xestou a poesía que deu lugar a este artigo e que presentamos a continuación:

Pol-o revés d'os ollos d'o arquiteuto
está o espello d'as ciudades disfrazadas
D'o derradeiro termo d'a ecuación
saien xogando os nenos d'a escola
Antre as escolmadas follas
d'unha Hestoria d'as Artes
os mozos fan-se o amor
A resultanza d'o cálculo xeométrico
da-nos unha nova xeografía
Os astrónomos disparan telescopios
contra unhas órbitas descatalogadas
n-os Tratados d'a Relatividade
N-o reverso d'os ollos d'o arquiteuto
instalou-se o broadcasting humorista
d'as ciudades escamoteadas
que non teorizou Einstein.

Este poema, aínda que, según Axeitos, X.L. (2012), corresponde só a un manuscrito de traballo, ten un grande interese como punto de encontro entre o mundo das ciencias e o das letras nun momento moi fecundo para a cultura galega, onde homes como os do Seminario de Estudos Galegos promovían como método máis seguro de traballo a transversalidade entre as diferentes culturas, e os defensores das vangardas non dubidaban en achegarse, sen complexos, á ciencia e á técnica para atopar referencias e recursos creativos.

Bibliografía
Axeitos, X.L: Manuel Antonio. Obra completa. Fundación Barrié. A Coruña, 2012.
Díaz-Fierros, F: A recepción da teoría da relatividade en Galicia. En "Versión galega de Eintein. Über die Spezielle und die allgemeine Relativitätthorie, 1917". Consello da Cultura Galega. Santiago, 2017.
Mora, V.L: "Einstein y la literatura. La metáfora de la relatividad y la relatividad de la metáfora". Revista de Occidente, Nos, 2016. 422-423, 119-133.
Varela Jácome, B: "La influencia de Vicente Huidobro en la poesía de Manuel Antonio". En Huidobro.Homenaje, 1893-1993. (Ed. Valcárcel, E.) Universidade da Coruña. A Coruña, 1995.

NOTA: Agradécemoslle fondamente a Xosé Luís Axeitos as informacións que achegou para a realización deste traballo.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Membro de número da Academia