Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía

A súa obra Os ángulos da brasa é o primeiro libro escrito en galego en gañar este prestixioso galardón outorgado polo Ministerio de Cultura de España.
Manuel Álvarez Torneiro
O poeta Manuel Álvarez Torneiro


O poeta Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) foi redactor durante vinte cinco anos no xornal La Voz de Galicia, onde se ocupou, preferentemente, de temas relacionados co mundo da cultura e a literatura. Membro do grupo coruñés Amencer organizado nos anos cincuenta arredor de Miguel González Garcés, foi gañador, en dúas ocasións dos premios da Crítica e Gonález Garcés, ademais do Esquío e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega do 2012 por este mesmo libro; Os ángulos da brasa.

Debutante serodio na literatura por razóns que apunta el mesmo na entrevista que publicamos máis abaixo, a obra de Álvarez Torneiro -de coidadosa elaboración formal, existencial no asunto e afín á referencia de signo culturalista- esténdese ao longo de máis dunha ducia de títulos entre os que salientamos, Memoria dun silencio (1982), Fértil corpo de soño (1986), As voces consagradas (1992), Rigorosamente humano (1995), Campo segado (2001) e Epicentro (2003).

Podería definirnos vostede, de xeito breve, a súa concepción da poesía?
Para min a poesía vén sendo un resumo das experiencias que un vai acumulando ao longo da súa vida. Neste sentido, o meu último libro publicado polo que me deron o premio (Os ángulos da brasa) é un compendio de moitas vivencias gardadas na memoria para as converter en poesía. Como comprenderá, para unha persoa que chega á miña idade, a memoria é o seu material predilecto. E isto non ten nada que ver coa poesía da experiencia: a poesía ou a hai, ou non a hai.

Que autores considera vostede que foron os que maís influíron na súa formación como poeta?
Os autores que me descubriron a poesía foron, sobre todo, Neruda e Octavio Paz. Aínda que, ademais deles, hai moitos outros aos que volvo unha e outra vez: Góngora, Quevedo, Fray Luís de León, Aleixandre. E despois están os poetas da Xeración dos 50, claro, cos que compartín o mesmo drama vital. Eles son os que me guían e alentan.

Vostede empezou a publicar a unha idade relativamente serodia, como dá conta deste feito?
Eu fun sempre moi crítico e esixente comigo mesmo, e non empecei a publicar ata que empecei a sentirme maduro para facelo. Tiña gardadas moitas cousas escritas pero non me atrevía a publicalas porque son alguén que volvo moito sobre o texto, corrixo continuamente, coido moito o vocabulario, a expresión, a medida dos versos, o ritmo.

O ano que vén o Día das Letras Galegas vai estar dedicado ao poeta lugués Xosé María Díaz Castro, que trazos destacaría vostede da súa poesia?
Díaz Castro escribiu un poema que vale un libro, e un libro que vale toda unha carreira literaria. Ás veces danse casos así. Foi un poeta de dicción clásica, e que traballaba moi ben o verso, completamente merecedor do Día das Letras Galegas.