Luís Iglesias Iglesias, protagonista do Día do Científico Galego

A Real Academia Galega das Ciencias vén de declarar o científico e membro de número da Real Academia Galega, Luís Iglesias Iglesias (1895-1977), figura protagonista do Día do Científico Galego deste ano.
Imaxe dunha Xunta Ordinaria da Academia
Imaxe dunha Xunta Ordinaria da Academia celebrada o 10 de marzo de 1968. Luís Iglesias é o terceiro pola dereita


O entomólogo vigués foi, ademais de catedrático de Bioloxía Xeral da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela a partir de 1932, impulsor do Consultorio de Plagas del Campo, que prestaba servizos de asesoramento gratuíto aos labregos galegos, e fundador do Museo de Historia Natural da cidade compostelá que hoxe leva o seu nome. Iglesias Iglesias colaborou, así mesmo, co Seminario de Estudos Galegos desde a súa posta en marcha, e coa farmacéutica viguesa Zeltia.

En decembro de 1947, Luís Iglesias ingresou como membro numerario na Real Academia Galega a proposta de Ramón María Aller, Paulino Pedret Casado e Antonio Couceiro Freijomil. O seu discurso de entrada, titulado Especies del género 'carabus' en Galicia, foi contestado en nome desta institución por Ramón Otero Pedrayo.

Entre a documentación atesourada na Academia referida a Luís Iglesias, atopamos a nota necrolóxica que lle dedica o académico Uxío Torre Enciso publicada no Boletín da Academia nº360, de 1977, que se pode consultar nesta ligazón. Once anos antes, en 1966, fora o propio Iglesias Iglesias o encargado de redactar o discurso fúnebre en honra dun dos seus mentores, o astrónomo lalinense Ramón María Aller Ulloa, que se pode descargar, por vez primeira, nesta ligazón, pois, naquela altura, a publicación do Boletín achábase paralizada.

A celebración do Día do Científico Galego terá lugar o vindeiro 16 de xuño Facultade de Química da USC.